Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Cónica dende Bos Aires

"Parece que os empresarios queren aproveitar a crise para botar xente"

A Confederación Xeral do Traballo, en Arxentina, está a traballar nun proxecto de lei para evitar os despedimentos inxustificados.

Redacción - 11:45 18/11/2008

A Confederación Xeral do Traballo (CGT, nas súa siglas en castelán) da Arxentina está a traballar nun proxecto de lei para evitar o despedimento inxustificado de empregados. A idea contempla a dobre e até a tripla indemnización, e recupera un vello pedido dun plus nos salarios para a fin do ano, co obxectivo de "soster o poder de compra" dos traballadores.

Así o sinalou este domingo o secretario xeral da central obreira arxentina, Hugo Moyano, que reclamou ao Goberno que faga "todo o necesario" para evitar que as empresas despidan xente, e considerou que algunhas das medidas que poderían aplicarse son un dobre aguinaldo (un salario extra que se paga cada ano) ou a volta da dobre indemnización.

"Algo hai que facer para evitar que boten xente", sinalou o dirixente sindical, quen á vez ratificou que a CGT prepara un proxecto de lei "para evitar a especulación dos empresarios" no marco da crise financeira internacional.

O argumento da CGT é que, como consecuencia da crise financeira internacional, as empresas reducen costos a través do despedimento de persoal. "Parece que os empresarios queren aproveitar a crise para botar xente", queixouse o titular da CGT.

Moyano explicou que ese proxecto contempla "multas e todo o necesario para tratar de evitar este tipo de cousas", e será impulsado "polos homes" que a central obreira ten no Congreso da Nación.

O titular da CGT mostrouse preocupado polos casos de suspensións que se rexistran en moitos sectores da produción pola "recesión da economía", e advertiu que esta situación podería xerar despedimentos.

O dirixente sostivo ademais que para frear os despedimentos que se rexistraron en sectores como o automotriz e o frigorífico, a CGT "sacou do frío" o debate sobre o dobre aguinaldo e a dobre indemnización.

Pola súa banda, o secretario de prensa da CGT, o dirixente da sanidade, Héctor Daer, reclamou que o Goberno "sancione" as empresas que "saen a desvincular xente irresponsablemente", e ratificou tamén que se estuda o pedido dun plus salarial para fin de ano, co obxectivo de "soster o poder de compra".

Así mesmo, confirmou que no sector bancario "por vías de retiro voluntario aplicáronse 1.500 desvinculacións, a pedido das casas matrices", e dixo que hai "despedimentos no sector automotriz e suspensións" noutros rubros.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: