Na súa segunda tempada en Terceira, onde vai primeiro, o equipo coruñés transmite as mesmas sensacións que nas divisións que deixaba sempre como campión.
Unha rara sensación asolaga o campo da Grela cada dous domingos, cando os xogadores do Montañeros volven enfrontarse aos mesmos rivais cos que xa xogaron o ano anterior. Trátase dunha situación á que non están afeitos os siareiros dun equipo que até o ano pasado contaba por ascensos cada unha das súas tempadas dende que recuperaran o equipo sénior no ano 2003. O equipo de Terceira División é só a cabeza dun enorme iceberg que ten con 16 conxuntos propios e outros seis adscritos ao Eins, filial do equipo coruñés. O Montañeros conta, na actualidade, con cinco equipos de rapaces que militan nas categorías máis altas ás que pode aspirar un club galego, condición que comparten só Deportivo e Celta.
Volver ser un club de canteira
Nesta tempada 2008/2009 máis da terceira parte dos xogadores cos que conta o primeiro equipo pasaron polas categorías inferiores, o que reflexa a filosofía sobre a que esta institución asenta o doce momento que está a vivir. Coa chegada á presidencia de Fausto Vázquez Seoane no ano 1994 tratou de recuperarse a esencia do Montañeros como un equipo de canteira, fundamentalmente da zona da Coruña. Con esa idea desfíxose o equipo sénior en 1995, para centrarse no tecido dunha sólida rede formada pola canteira. Unha vez que se consolidaron os equipos xuvenís, cadete e alevín nas máximas categorías creouse, no ano 2003, o Montañeros Club de Fútbol que comezou na terceira división rexional.
Ascenso meteórico
O comezo non puido ser mellor, e o equipo acadou o ascenso ao rematar como campión invicto do seu grupo. Este guión repetiuse ao ano seguinte, onde ademais de ganar a categoría cedendo un único empate levaron tamén o título de copa. O Montañeros comezou a chamar a atención dos seguidores do fútbol afeccionado polo seu fulgurante crecemento, froito da mestura entre xuventude e veteranía. O guión repetiuse en primeira rexional e rexional preferente, onde saborearon o agre pouso que deixan as derrotas, pero conseguiron limpalo con cadanseu ascenso como campións.
Esta foi a carta de presentación coa que o Montañeros se plantou na terceira división a pasada tempada. O equipo mantívose todo o ano preto das posicións de ascenso, chegando incluso a ter opcións nas últimas xornadas, pero as sensacións non eran boas e o incluso algúns xogadores tiveron que deixar o equipo durante a tempada. Rematar o ano na sétima posición non foi un mal resultado deportivo, pero o que máis doeu aos dirixentes do club é que se perdera o bo ambiente do vestiario.
Este ano chegou ao Montañeros Xosé Ramón González, un adestrador que xa acadara bos resultados na categoría dirixindo ao Arteixo. Con Xosé Ramón volveu á Grela o bo fútbol, volveron os resultados pero, á cima de todo, volveron os sorrisos. En menos de medio ano no equipo o adestrador de Carreira está xa totalmente integrado no club, facendo da modestia e o traballo a súa guía de ruta.
A xuventude ten cada vez máis peso nun equipo que, por idiosincrasia parece ter na terceira división unha categoría que se adapta perfectamente ás súas pretensións estruturais. Mais vista a evolución do club e o difícil que está para os modestos dar o salto ao profesionalismo teñen que ter bo tino, porque como se descoiden un pouco rematan o ano ascendendo.