Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Cultivouse de forma experimental en Galicia durante os últimos tres anos

Un millo transxénico produce danos potenciais sobre a fertilidade

Un estudo feito público polo Goberno de Austria identifica graves ameazas para a saúde por consumo de organismos modificados xeneticamente. Este estudo é un dos escasos realizados a longo prazo dos efectos dos transxénicos na alimentación. Conclúe que a fertilidade dos ratos alimentados con millo modificado xeneticamente viuse seriamente danada, cunha descendencia menor que os ratos alimentados con millo convencional. Este millo está aprobado para alimentación humana e animal na Unión Europea e cultivouse de forma experimental en Galicia polo menos durante tres anos. Considerando a gravidade desta potencial ameaza para a saúde e reprodución humana, Amigos da Terra esixe o fin de toda experimentación en campo con cultivos transxénicos e a declaración urxente de Galicia como Rexión Libre de Transxénicos.

Amigos da Terra - 09:54 14/11/2008
Tags:

O estudo, patrocinado polos Ministerios de Agricultura e Sanidade de Austria, foi presentado onte nun seminario científico en Viena. O Dr. Jürgen Zentek, Profesor de Mediciña Veterinaria na Universidade de Viena e coordinador do estudo resumiu os achados: os ratos alimentados con millo transxénico tiveron menos descendencia na terceira e cuarta xeración, e estas diferenzas foron estatisticamente significativas. Os ratos alimentados con millo non transxénico reproducíronse de forma máis eficiente. Este efecto pódese atribuír ás diferenzas na alimentación.

O millo transxénico NK 603 x MON 810 cultivouse de forma experimental en Galicia os últimos tres anos, en leiras de Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Villalba e Chantada. Os ensaios ao aire libre teñen o grave risco de contaminar os cultivos de millo destinados á alimentación. O Ministerio de Medio Ambiente concedeu licenza para estes ensaios á empresa Pioneer alegando que "considérase que no estado actual de coñecementos e coas medidas de uso propostas, os ensaios non supoñen un risco significativo para a saúde humana e/ou o medio ambiente." Isto dá idea da falta de avaliación de riscos dos cultivos transxénicos, tanto a nivel experimental como comercial.

"É vergoñoso que se autorice a liberación ao medio ambiente de cultivos transxénicos que, unha vez estudados, demostran danos tan graves como este millo. Non podemos correr estes riscos, é necesario terminar cos ensaios experimentais ao aire libre en Galicia"
,  afirma  Amigos da Terra

Os investigadores austriacos levaron a cabo varios ensaios de alimentación a longo prazo con ratos durante 20 semanas. Un destes estudos consistiu nunha Avaliación da Reprodución mediante Cría Continua (RACB nas súas siglas en inglés), no que a mesma xeración de pais tivo varias camadas de ratos. Os proxenitores foron alimentados ou ben cunha dieta que incluía un 33% dunha variedade de millo transxénico (NK 603 x MON 810), ou ben a base dun millo parecido, pero non transxénico. Atopouse que a redución no tamaño da camada e o seu peso eran estatisticamente significativos na terceira e cuarta xeración nos ratos alimentados con transxénicos en comparación co grupo control.
Esta variedade de millo transxénico, propiedade da multinacional Monsanto é tolerante a un herbicida e resistente a algúns insectos. Foi aprobada para o seu cultivo en varios países, como EE.UU. ou Arxentina e na Unión Europea [1] está aprobado para uso en alimentación humana e animal. No estado, ademais de en Galicia, cultivouse en máis de 30 municipios [2].

"Este estudo é un exemplo máis de que non se pode garantir a seguridade dos cultivos transxénicos. Desde o Parlamento Galego e a Xunta teñen a obriga de protexer a saúde dos consumidores e o medio ambiente, declarar Galicia Libre de Transxénicos e tomar as medidas necesarias para que non se siga experimentando coa nosa saúde" engade Amigos da Terra.

Notas:
[1] En 2005, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA nas súas siglas en inglés) deu luz verde a este millo. Sen realizar ningún estudo independente, baseándose só nos datos de Monsanto, a EFSA afirmou "considérase improbable que o millo NK603 x MON810 teña ningún efecto adverso na saúde humana e animal". Isto é un claro exemplo de que o modelo de avaliación de riscos dos cultivos transxénicos é defectuoso e está mal deseñado.

[2] O Ministerio de Medio Ambiente autorizou en 2008 á empresa Pioneer o cultivo experimental ao aire libre desta variedade en Dos Hermanas, Os Palacios-Villafranca, Marchena e Huétor Tájar en Andalucía; Gurrea de Gállego, Garrapinillos, Tauste, Poboa de Alfindén, Villafranca de Ebro e Noz de Ebro en Aragón; Tarazona da Mancha, Alpera e La Gineta en Castela A Mancha; Rebollar dos Outeiros, Llamas de la Ribera, Toral de los Guzmanes, Ataquines, Pelabravo, Villarrabé e Olmos de Ojeda en Castela e León; Alcarrás en Cataluña; Villanueva de la Serena en Estremadura; San Martín de la Vega en Madrid e Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Villalba, Chantada en Galicia.

Pioneer experimentou nestes e noutros municipios, polo menos en 2008, 2007 e 2006.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: