O pavillón de Bouzas acollerá o vindeiro sábado os cinco clubs que participarán na competición.
O torneo vigués cumpre este ano a súa novena edición
Por segundo ano consecutivo, o pavillón de Bouzas é o lugar elixido para a celebración da IX edición do Torneo Cidade de Vigo, que se disputará o vindeiro sábado ás 17.30 horas. Até a cidade achegaranse preto de 80 karatekas pertencentes a cinco clubs chegados de diferentes cantos do estado. O torneo dividirase nas modalidades de Kata, Kobudo e Kumite, todas elas divididas ao mesmo tempo nas categorías de equipos e mixta.
Ao pavillón vigués chegan karatekas de cinco clubs como son os locais do Zanshin; os madrileños de San Miguel Arcángel, e Roberto Parra; os asturianos de Arenas; e os casteláns da Segoviana. A Vigo chegan algúns dos mellores karatekas do estado, entre os que destaca a presenza de Cristel Fernández, vixente campioa estatal de Kata, que competirá no Arenas asturiano.