Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por posesión de arma branca

Multan un xogador que levaba paus de billarda no maleteiro do seu automóbil

Compite na Conferencia Sur, e levaba varias billardas e paláns, cando o pararon nun control de tráfico.

Redacción - 09:40 13/11/2008
O que se precisa para xogar á billarda: o pau longo é o palán, o pequeno a propia billarda

O que se precisa para xogar á billarda: o pau longo é o palán, o pequeno a propia billarda

A pasada semana a Liga Nacional de Billarda (LNB) foi albo de diferentes sancións que non deixan de sorprender aos seus membros. Esta semana varios palanadores da Conferencia Sur foron multados en Marín, por colar cartaces anunciando a terceira xornada de liga, e a pasada semana un palanador da Asemblea Aberta de Ponteareas foi obxecto doutra multa por levar, no maleteiro do seu automóbil, varios paláns e billardas.

Practicando diante dos gardas civís
Segundo lle contou a Vieiros un dos membros da Conferencia Sur, Xosé Miguel, esta semana varios palanadores foron multados, con perto de mil euros, por colar cartaces na vila de Marín, anunciando o terceiro asalta da liga nesta conferencia, o Torneo de Marín da LNB Sur 2008-09. Ao parecer, os multados amosáronse moi sorprendidos ao recibir a sanción, posto que o torneo está organizado por unha asociación legal da vila, e conta co apoio do concello, que ademais dispoñibilizou as súas instalacións para que se puidese desenvolver o enfrontamento entre os equipos da Conferencia Sur.

Mais esta non é a única sanción á que se teñen que enfrontar os xogadores e xogadoras da LNB, xa que houbo unha outra da que foi obxecto un membro da Asemblea Aberta de Ponteareas -tamén da Conferencia Sur-, que traballa a madeira e sempre dispón de varias paláns e billardas para os seus compañeiros. A este palanador parouno a garda civil nun control de tráfico, e ao abrir o maleteiro do seu automóbil, atopou varios paláns e billardas que levaba nel. O mozo foi multado con perto de 400 euros -está á espera de recibir a notificación do seu domicilio- por posesión de "arma branca" (obxectos con punta).

Mais, segundo contan dende a LNB, non é a primeira vez que a garda civil para os seus xogadores, pero, contou Xosé Miguel, "sempre coincidiron axentes aos que se lles explicou que eran paus da billarda, dun xogo tradicional galego, e comprenderon". Xermán Viluba, o promotor da LNB, tamén lle contou a Vieiros que non é a primeira vez que os membros da LNB se teñen que poñer a escenificar, diante da Garda Civil, como se xoga á billarda, para explicar que non van aramados até os dentes. Ademais, no último aberto de billarda de Mos, unha patrulla da Garda Civil estivo, en todo momento, a carón dos palanadores, observando como se desenvolvía a xornada, "coma se fósemos perigosos".

"Somos deportistas, non somos terroristas"
Isto din dende a LNB, ao tempo que contan que están a elaborar unha nómina de palanadores, unha caste de fichas na que aparezan os datos persoais de todos os xogadores e xogadoras, de tal xeito que estean dispoñíbeis no momento de crear a Federación Galega de Billarda. Tamén lle solicitaron á Dirección Xeral para o Deporte uns carnés que "nos acrediten coma deportistas, para amosar ante futuros rexistros policiais (que, se seguen nesta liña, seguro que os hai), ademais de tentar conseguir o seu apoio no caso de que as causas abertas continúen adiante".


4,85/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da pasada semana, nun torneo que se desenvolveu no magosto de Mos
Imaxe da pasada semana, nun torneo que se desenvolveu no magosto de Mos
No torneo de Moaña
No torneo de Moaña
Billardeando, vellos e novos, no Magosto de Mos
Billardeando, vellos e novos, no Magosto de Mos
Outra imaxe do Magosto de Mos
Outra imaxe do Magosto de Mos