Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
PEPE RICO, CAPITÁN DO EQUIPO

"Mentres haxa posibilidades axudaremos ao Cidade de Santiago"

O xogadores e corpo técnico do Cidade de Santiago apostan pola unión para superar os problemas económicos que está a vivir o equipo.

Redacción - 13:00 12/11/2008
O equipo aposta pola unión e o traballo nestes momentos difíciles

O equipo aposta pola unión e o traballo nestes momentos difíciles

A decisión do grupo empresarial liderado por Xesús Chenel de non patrocinar o Cidade de Santiago produciu unha grande conmoción no club. A directiva do equipo reuniuse, esta cuarta feira, cos xogadores e o corpo técnico para comunicarlles a situación.

O capitán do equipo, o estradense Pepe Rico, apostou por continuar traballando para axudar ao club. Rico confesou que el "non tiña moitas esperanzas neste patrocinio, xa que non facían máis que dilatar a toma dunha decisión". A unión parece ser a consigna interna do grupo, sentimento que o capitán se encarga de transmitir de cara a fóra, cando afirma que "mentres haxa posibilidades, temos que tratar de axudar ao club adestrando, xogando e, sempre que sexa posíbel, gañando"

Pola súa parte, o conselleiro delegado, Xosé Suárez Alén, lamentou as formas adoptadas polo empresario ao alegar falta de "información veraz" para non entrar a participar economicamente no equipo. Suárez Alén defendeu que "el ten dereito de non entrar a patrocinar o equipo, pero non debería usar este tipo de argumentos falsos, porque a información que se lle enviou é coñecida por todos, é veraz".

Xosé Suárez Alén confesou que "cando se comezou a falar con este grupo había xa outros posíbeis patrocinadores interesados en entrar no equipo, pero paramos esas opcións para centrarnos nesta posibilidade". En base a isto, Suárez Alén considera que traballando duro, como fixeron até agora, deberían estar en condicións de atopar axentes económicos interesados en colaborar co equipo, xa que mantén a súa idea de que a cidade de Compostela non debe deixalos sós nestes delicados momentos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: