As viguesas manteñen o liderado despois dunha xornada na que non houbo sorpresas e gañaron as mellor clasificadas.
O Octavio trouxo unha importante vitoria de Valladolid
O Ázkar seis do nadal Coia afiánzase na primeira posición da Liga Galega de balonmán feminino, despois de vencer no campo do Balonmán Coruña por un claro 12-34. O Coia lidera a clasificación con catro vitorias noutros tantos partidos.
O segundo lugar ocúpao o Asador Arealonga Chapela, que infrinxiu unha boa malleira ás xogadoras do Sardoma, ás que venceron por 35-12. Nos outros partidos disputados, o Balonmán Porriño levou a vitoria de Tui por 13-22 e o Rasoeiro impúxose ao Bueu Atlético por 34-23.
Gran xornada para os equipos de Asobal
Os equipos masculinos da máxima categoría estatal acadaron cadansúa vitoria na novena xornada da Liga Asobal. O Octavio Pilotes Posada levou a vitoria dun complicado campo como é o do Valladolid, mentres que o Teucro venceu na casa ao Alcobendas, un rival directo na loita pola permanencia.
O Octavio Pilotes Posada rematou levando un encontro no que foi sempre por debaixo no marcador. Na parte final do partido achegáronse paulatinamente aos xogadores adestrados por Juan Carlos Pastor e remataron impoñéndose cun gol anotado polo lateral Pavol Polakovic, a falta de 28 segundos para o final do encontro. O resultado final foi 36-37.
O Teuco tamén obtivo unha importante vitoria, impoñéndose por 27-26 ao Balonmán Alcobendas, nun enfrontamento entre dous dos equipos que parecen destinados a loitar por manterse na categoría cando se achegue o final da tempada.