Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PASAMENTO

Deixounos outro renovador: Finou Camilo Gonsar

O autor de 'Cara a Times Square', de 77 anos de idade, faleceu en Vigo este domingo.

Marcos S. Pérez - 13:00 10/11/2008
Camilo Gonsar

Camilo Gonsar

Chegamos a Times Square. Deixounos Camilo Gonsar, engandindo o seu nome a unha xa extensa lista de pasamentos na cultura galega neste outono. Morreu en Vigo aos 77 anos, despois dunha longa enfermidade que empeorou rapidamente nas últimas semanas. Camilo González Suárez-Llanos foi despedido este domingo polos seus familiares e amigos na sala 5 do tanatorio de Pereiró, na cidade de Vigo. Nese mesmo lugar foron incinerados este luns os seus restos mortais, ás 12 do mediodía. O Belga fica no peirao.

Camilo Gonsar era un home de escasas aparicións públicas, que fuxía dos ambientes literarios e ademais resultaba difícil encadralo nunha xeración determinada. Deixa unha obra que destaca non tanto polo seu volume como pola súa calidade. Deixa, sobre todo, dúas novelas centrais na literatura galega: Cara a Times Square (1980), e Desfeita (1983), Premio da Crítica Española en 1984. E unha gran cantidade de relatos, iniciados en Lonxe de nós e dentro (1961), obra fundacional da Nova Narrativa Galega, e Arredor do non (1995). Ambos os dous volumes foron recuperados recentemente por Galaxia, que en outubro publicou Relatos completos, 1961-1996.

Este libro ábrese cun limiar de Manuel Forcadela, que escribe que "a aura de Camilo Gonsar brota do concepto. A súa arte da ficción é unha arte incómoda para o lector acomodado; xorde sempre da posibilidade de abrir unha fenda no costume adquirido; obriga o lector a se situar fronte á fraxilidade das súas convencións, a pór en dúbida as súas certezas". O profesor Xosé Manuel Salgado, pola súa banda, salienta o carácter "rupturista" da obra de Gonsar, e lamenta que ao igual que o recentemente finado Rei Ballesteros "foi pouco lido, non sei se por non ser comprendido ou por ser mal explicado".

Nova Narrativa Galega
Na obra de Camilo Gonsar hai unha constante interrogación sobre a identidade. Dende o comezo ficou inscrito canda a Rodríguez Mourullo (Nasce unha árbore, 1954; Memorias de Tains, 1956), María Xosé Queizán (A orella no buraco, 1965), Xohana Torres (Adiós María, 1971) ou Carlos Casares (Vento Ferido, 1967) ou Ferrín (Percival e outras historias, 1958) no que Varela Jácome chamou Nova Narrativa Galega, o primeiro intento de renovación técnica e temática da literatura despois da guerra. Gonsar nunca quixo adscribirse a xeración ningunha; en Cara a Times Square o protagonista escribía: "Detesto as teorías. Cando estudaba, tiven que aprender centos delas, e tiven que aprender tamén a rebatilas , a todas menos unha ou dúas. Por sorte, esquencinme tanto das teorías como do xeito de rebatilas".

Os personaxes de Gonsar eran "peripatéticos e deambulantes", lembra Forcadela, como o propio autor. Viviu en Londres e foi profesor contratado na Universidade Syracuse de Nova York. O coñecemento directo das novas tendencias literarias que agromaban nos Estados Unidos e en Europa deixou o seu pouso nas primeiras obras de Gonsar, caracterizadas pola súa enorme liberdade formal e discursiva. Faulkner, Joyce, o noveau roman ao que sempre se adscribiu a Gonsar pero que Gonsar sempre rexeitou..., había que demostrar que a literatura e o idioma podían ser parte do movemento da cultura nova, e este feixe de novelas e relatos colocou nos anos sesenta á literatura galega nun estadio máis avanzado cá nova literatura castelá, cuxo cumio era naquela hora o Jarama de Sánchez Ferlosio.

Cara a Times Square
En 1961 publica Lonxe de nós e dentro, unha présa de relatos que, na altura, chamou a atención de Fole, Otero Pedrayo ou Risco, pero que sobre todo impactou nos seus coetáneos. En 1962, influído  pola lectura de James Joyce, escribe a novela breve Como calquer outro día. Cara a Times Square, publicada en 1980, é unha novela transformadora e parteira da narrativa galega actual, "desprovista das pexas reducionistas: ruralismo, simbolismo, e alegorismo, denuncia social, costumbrismo, tradicionalismo... que a impedían medrar" (Historia da literatura galega).

A partir do recurso do manuscrito atopado conta as peripecias dun personaxe que se ve obrigado a camiñar durante a noite até Times Square, acompañado por un descoñecido, ao que chama o Belga, que espera algo que non se sabe o que é. Ese tipo de personaxes peripatéticos que camiñan moito pero nunca se aclaran responden á actitude dunha xeración. Tamén naqueles anos autores como Méndez Ferrín o Carlos Casares perseguían no subconsciente as orixes da sinrazón do seu momento histórico. O protagonista, nun estado de semiconsciencia producido polo whisky, déixase guiar polo Belga mentres falan de forma incoherente e fragmentada até chegaren a un peirao onde remata a misión do Belga, que cae ao mar empurrado polo protagonista, cumpríndose así o destino que aquel lle agoirara.

Ingreso na Real Academia
En 1983 chegou Desfeita (semirreportaxe), premio da Crítica Española ao ano seguinte. Despois publicou os libros de relatos Lonxe de nós e dentro e outras páxinas (1986) e Arredor do non (1995). A derradeira novela de Camilo Gonsar, A noite da aurora, apareceu en Galaxia en 2004. Trátase dunha novela desarraigada, unha reflexión sobre o destino e sobre o abandono da patria, ambientada en Islandia, onde varios galegos coinciden nun banco para facer troco de moedas.

Gonsar ingresou en 2002 na Real Academia Galega, cun discurso titulado Literatura galega: un achegamento subxectivo, que foi respondido por Xosé Luís Franco Grande. Naquela intervención, o autor afirmou que "a idea, bastante espallada, de que a perda da fala galega non implica a desaparición do pobo galego como tal seméllame indefendible. Sen a súa lingua, Galicia quedará reducida a catro provincias anódinas, amorfas, enteiramente carentes de personalidade".

Fragmento de Cara a Times Square

Por fin díxome:
¿Que querías logo? ¿Ou é que tes algo mellor que facer?
As súas palabras permaneceron case suspendidas no aire, como para facer durar a miña humillación por máis tempo.
Dígame: despois de telo seguido durante tantas horas (deixemos á parte a circunstancia de séremos compatriotas), ¿era aquela pregunta insultante a despedida que eu merecía?
¡Teño!
Foi rapidísimo. El estaba no borde do peirao, de maneira que, aproveitándome das nosas situacions, deille co meu pé dereito un rempuxón forte e súpeto antes de rematar de pronunciar a devandita exclamación (no caso de que eu a pronunciara realmente, en vez de só pensar en pronunciala) e aló embaixo caeu o Belga coa súa gabardina brillante como un lóstrego branco, sen emitir nin un berro. Por raro que pareza, eu non sentín o golpe que debería ter producido ao bater contra a auga--seguramente porque estabamos tan altos.
Nada pasou, á parte da súa caída, como, por outra parte, era de esperar. Quedou o ambiente tan tranquilo e calado coma antes.
Ou, mellor dito, si rexistrei un cambio mínimo -un só. A pequena luz vermella do faro deixou de escintilar ao lonxe.


Ligazóns

4,89/5 (35 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: