Edicións Positivas saca do prelo 'Construcións', de Eduardo Estévez. O autor, que gañou o González Garcés en primeiro termo, viu como o perdía logo dunha reclamación
O 23 de setembro foille retirado a Eduardo Estévez o Premio González Garcés de Poesía. O xurado considerou, despois dunha reclamación de Xavier Lama, que o poemario que escollera como gañador, Construcións, fora publicado previamente na rede, nun blog que Estévez abrira para amosar o proceso de elaboración do poemario. Nese momento abriuse un debate no mundo cultural galego e nos medios de comunicación sobre os premios literarios e o carácter de obra editada dos textos publicados nos blogs.
Pois ben, o libro da polémica chegará ás librarías o vindeiro luns, publicado por Edicións Positivas na súa colección Di-Versos. "O feito de que me retirasen o premio importábame menos que o feito de non ver publicado o libro, porque era un proxecto moi querido para min", di Estévez. O autor consegue, pois, o seu obxectivo, e a editorial aproveita a oportunidade de publicar a obra que o xurado do González Garcés escollera como a mellor das presentadas.
O proceso foi moi rápido: "ao día seguinte de que o xurado anunciase a súa decisión púxenme en contacto coa editorial, envieille o texto, e dous días despois xa tiña na casa as probas de imprenta", di Eduardo Estévez, que di estar moi satisfeito co resultado: "ao ser unha editorial pequena publicouse rápido, e ademais ten á súa fronte un editor que se preocupa polo libro, porque se distribúa e estea na rúa". Francisco Macías, director de Positivas, xa coñecía o proceso de produción da obra, a través do blog de Estévez, e maniféstase "encantado" co libro.
Eduardo Estévez intentara publicar en Positivas en ocasións anteriores, pero as súas obras foron rexeitadas por non axustarse á liña editorial da colección. O novo libro de Estévez, autor de Só paxaros saíron desta boca (1998), Lúa gris (1999) Caderno apócrifo da pequena defunta (2003) ou Derrotas (2004), é diferente. Os temas son semellantes, pero é máis narrativo e menos lírico, é un libro "que mira menos cara a dentro; nunca fixen libros autobiográficos, pero recoñezo que outros eran máis intimistas", di Estévez, que engade de "xa Derrotas apuntaba nesa liña".
O libro estará na rúa o luns 10, e será presentado o vindeiro xoves 13 na Casa da Crechas, en Santiago de Compostela. Máis ca unha presentación será unha lectura do libro, "o libro debe defender el só, se non é bo, non vale de nada que ninguén fale ben del", di Estévez. Ademais, apunta Macías, nesa presentación "devolveremos o libro á rede, porque imos gravar a lectura en vídeo é ímola colgar en youtube".
Merquei unha parella
de canarios
para facer menos desolada
a orde da casa
morreron aos tres días
de virus ou tristura
non tiñan aínda
nome