Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA CORUÑA

Denuncian despedimentos encubertos no servizo de chamadas de Telefónica

Atento ordenou o traslado de 29 empregados a León, unha deslocalización que os sindicatos achacan a promesas políticas do PSOE.

Isabel G. Couso - 13:00 05/11/2008

No prazo dun mes 29 dos 660 traballadores que hoxe compoñen o persoal de Atento na Coruña deberán incorporarse ao seu posto de traballo en León. Cunha notificación a xeito de carta de traslado, o rebumbio e a tensión volveu ás oficinas desta central de chamadas que xa estivo no cume da conflitividade laboral o pasado ano coa posta na rúa de 200 persoas.

A CIG fala xa de despedimentos encubertos: "Hai que ter en conta que son persoas que están gañando 700 euros ao mes e exíxeselles que por esa miseria cambien de cidade", di Óscar Calvo, representante no sector. Para os sindicatos esta manobra é unha ilegalidade: "Os propios contratos laborais cualifican a obra como a prestación de servizos na provincia da Coruña, polo que non deixa aberta a porta ao traslado da actividade laboral". Con todo, os despedidos acudiron ao seu posto de traballo, malia que "a empresa non os quere no centro", de feito exonerounos de realizar a súa actividade nestes 30 días que teñen de prazo para o seu "traslado forzoso". Porén, atopáronse ante a imposibilidade de exercer como un día normal, ao sérenlle revocadas as claves de acceso, entre outras trabas.

A que se debe esta deslocalización?
Atento é a empresa que presta na Coruña todos os servizos de chamadas de Telefónica. De feito, a entidade de telefonía é a dona e única cliente do call center. A empresa matriz gañou 8.906 millóns de euros en 2007, un 43% máis que o ano anterior, polo que as perdas non parecen estar na orixe desta decisión. A CIG atopa outras motivacións, de índole económica e tamén política: dunha banda Atento querería aforrar o pago de indemnizacións por despedimentos improcedentes, xa que non hai que esquecer que a última sentenza para a empresa foi condenatoria, polo que tivo que facer fronte ao pago de 45 días de salario por ano traballado a todos os despedidos, ademais de manterlle o soldo namentres non se celebrou o xuízo. Desta volta, se os traballadores elixen non trasladarse a León, terán dereito a cobrar unha indemnización, pero que non supera os 20 días por ano traballado.

Doutra banda están as causas políticas. Segundo Óscar Calvo hai que dirixir a vista até as últimas eleccións xerais. Daquela, "José Luis Rodríguez Zapatero comprometeuse en León a crear novos postos de traballo. Unha vez confirmado o seu éxito electoral, créase unha filial de Atento en León con subvencións do Estado e agora trasládanse alí os traballadores", é unha estratexia redonda, di. Outro exemplo témolo en Andalucía: "nas últimas municipais, o PSOE comprometeuse novamente a crear máis postos de traballo naquela comunidade. Efectivamente, unha vez gañados os comicios créase Atento Xaén e volta a empezar". "O que sucede aquí -di Calvo- é que xa se paparon todas as subvencións".

O mesmo sucede cara a outros países. Nos últimos tempos Atento deslocalizouse cara a Perú ou Marrocos. "A Telefónica sáelle igual que o cliente chame a Marrocos que que o faga á Coruña, agora si, alí pódese permitir pagar uns salarios máis baixos". "O proceso é o mesmo, só que desta volta a deslocalización non é para fora do Estado Español", di Calvo.

Futuro de mobilizacións
Ante esta situación e cun pasado caracterizado pola loita, os traballadores xa falan de mobilizacións. Até o de agora e dende que coñeceron a noticia, realizaron concentracións diarias perante a sede de Atento. Asemade, están a manter contactos coa Administración e a realizar continuas xuntanzas para valorar as accións a tomar. Con todo, unha vez máis, non descartan levar o tema ante as últimas consecuencias xudiciais. "O que queremos é poñer en evidencia o desprezo que Telefónica ten polos nosos traballadores", conclúe Óscar Calvo.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: