Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O VENRES 7 DE NOVEMBRO

A enxeñaría espacial protagoniza a XIII Noite das Telecomunicacións

O cosmonauta ruso Sergei Krikalev, o ser humano que pasou máis tempo no espazo, será convidado de excepción da gala.

Redacción - 12:45 04/11/2008

O venres 7 de novembro terá lugar a XIII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A gala desenvolverase no Gran Hotel Hesperia da Toxa, aínda que pola mañá haberá un acto no Hostal dos Reis Católicos de Compostela.

O programa deste ano irá dedicado ás Telecomunicacións e ao Espazo. O convidado de excepción será o cosmonauta ruso Sergei Krikalev, que abrirá os actos na capital do país. Krikalev ten a marca de permanencia e de paseos no espazo, con 803 días, 9 horas e 39 minutos e 8 paseos espaciais. Foi considerado por moitos o derradeiro cidadán da URSS, dado que pasou, entre 1991 e 1992, 311 días a bordo da estación Mir, mentres na Terra se derrubaba a Unión Soviética.

Xa pola tarde, na Toxa, haberá unha mesa redonda sobre a Industria Espacial e as Telecomunicacións, con empresas tecnolóxicas do país, integrantes do sector espacial a través de representantes da asociación Proespacio e enxeñeiros de telecomunicación do COETG.

Deseguido, dará comezo a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información: as Telecomunicacións e o Espazo. Durante o acto, entregaranse as tradicionais distincións anuais. Sergei Krikalev recibirá unha placa conmemorativa a modo de distinción ao Mérito Científico e Tecnolóxico Global 2008 en recoñecemento ao programa espacial da Federación Rusa.

Outro convidado de excepción será Barry Reynolds, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación dos Estados Membros da Unión Europea, que anunciará a escolla de Galiza como sede do congreso FITCE 2010, coincidindo co Ano Xacobeo.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, estará presidido polo xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño. Prevese que se superen as marcas das anteriores edicións, e que asistan máis de 300 profesionais do sector TIC.

Os premiados
Este ano, o Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC outorgaráselle á empresa Wireless Galicia, en recoñecemento ao esforzo nos labores de I+D no campo das TIC aplicadas a proxectos de interese sociosanitario. No tocante ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, o premio recaeu na iniciativa Taboleiro Dixital, un proxecto dirixido pola directora do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, Fátima García, quen será a encargada de recoller o galardón, en colaboración co director da ETSET da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada.

A empresa Bit Oceans Research fíxose co premio á Mellor Aplicación TIC coa proposta Fividoc, unha iniciativa contra a falsificación documental. Por outro lado, o COETG e a AETG concedéronlle o premio de Enxeñeiro do Ano ao director xeral de Sistemas Audiovisuais Itelsis, Gerardo García Alvela, a súa aposta persoal pola defensa do patrimonio industrial de Galicia no sector TIC.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: