Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'DE PEDRA E DE PALABRA'

Ferrín pecha os actos do Pen Clube cunha acendida defensa das linguas minorizadas

Luís G. Tosar anunciou que o organismo volverá propoñer ao autor ourensán como candidato galego ao Premio Nóbel.

Marcos S. Pérez - 12:00 31/10/2008

"Todos sabemos que Xosé Luís Méndez Ferrín é a bandeira da nosa redención", afirmou Luís G. Tosar no inicio do acto, ao tempo que anunciaba que o Pen Clube volverá propoñer este ano ao autor como candidato ao Nóbel de Literatura. No Salón Nobre do Pazo de Fonseca, Tosar falou dos atentados sufridos por Ferrín durante a ditadura "contra a súa persoa e a súa escrita" e como a súa actitude valente moveu, dixo, "a moitos de nós a tomar unha opción clara de loita e a poñernos ao servizo da liberdade e do progresismo".

Tosar lembrou igualmente as dificultades que tivo que superar Galiza para constituír en 1989 (no vindeiro ano fan vinte) a sección galega do Pen Clube. Xa anos antes Bernardino Graña e un grupo de escritores entre os que tamén estaba Méndez Ferrín intentaran que a literatura galega fora admitida nese organismo internacional. "Eran outros tempos e outras correntes, e era moi difícil daquela que unha literatura que non tiña Estado fose admitida; estaban, si, os cataláns, porque nunca deixaran de estar (xa tiñan sección de seu antes da ditadura, dende 1922). Úrsula Heize e Luís G. Tosar foron a Maastricht ao congreso do Pen Club internacional e Galiza foi admitida "cunha ovación que nos fixo estremecer". Tosar destacou que a presenza de Galiza no Pen Club está dando "froitos vizosos que engrandecen á nosa lingua, á nosa literatura e á nosa nación".

Dominados e dominadores
Do Nóbel comezou falando o propio Ferrín, encargado de realizar o discurso de clausura da semana de debates e relatorios 'De pedra e de palabra', organizado pola sección galega do Pen Club. Ferrín defendeu as linguas minoritarias, fronte ás chamadas linguas e literaturas 'universais', concepto que vén de Goethe, e que Ferrín denuncia que aínda se perpetúa nos premios, cunha concepción imperialista. Orhan Pamuk (turco), Naguib Mahfouz (árabe), Rabindranath Tagore (bengalí) ou Frédéric Mistral (occitano) son as excepcións a unha lista na que inglés e francés e alemán seguen sendo predominantes.



E ese carácter subalterno, lembrou Ferrín, non se aplica só ás linguas do terceiro mundo, senón tamén ás linguas das nacións sen Estado de Europa Occidental, como gaélico, bretón, catalán, vasco ou galego, "lingua proletaria", reclamou Ferrín recollendo o verso de Celso Emilio Ferreiro.



Ferrín denunciou a actitude de quen considera a súa lingua superior a outra; e foi igual ou máis crítico co "autoodio" dos pobos e persoas dominadas, que consideran que a súa propia lingua é inferior á do dominador.



Ferrín pechou a súa intervención recuncando na súa reclamación do multilingüísmo e o multiculturalismo, e a defensa das pequenas linguas, literaturas e pobos do mundo: no terceiro mundo e no interior da Unión Europea.


4,67/5 (42 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: