Unha iniciativa apoiada por Xunta e Concello anima os ourensáns a poñer en marcha os seus propios negocios para que a cidade non sexa coñecida só como lugar "de opositores".
"A administración debe deixarse de políticas de subvencións e clientelismo, porque con iso non se constrúe riqueza nin cultura empresarial", afirmou este xoves Alexandre Sánchez Vidal, tenente de alcalde de Ourense, nun acto de promoción do emprendemento onde a Deputación era a única administración non representada. Na opinión de Sánchez Vidal a provincia ourensá ten problemas "de produtividade" e é clave a sinerxia das institucións para o apoio especial á pequena e mediana empresa.
Noutra liña, Iolanda Rivero, directora de Cimo, colectivo organizador, opinou que "sempre é bo momento" para emprender, mesmo en momentos de crise. "Os valentes teñen que buscar oportunidades", animou Rivero, quen reflexionou que Ourense debe pasar a ser recoñecida como unha cidade "de emprendedores e non só de opositores", citando ao respecto o exemplo do cento de empresas que saíron no último ano da área de autoemprego de Cimo. Foi durante a apertura da xornada que participan máis de 50 mozos ourensáns e coa que se quere facer promoción da cultura emprendedora "como saída a situación actual de crise económica".