Un estudo da Universidade da Coruña conclúe que Galiza conta con menos superficies e cunha dimensión menor.
Gadisa é o principal grupo de distribución alimentaria, cun 23,1% de cota de mercado. Séguenlle Eroski, cun 22,8% e Carrefour, cun 18,7%. Entre os tres copan máis da metade do negocio dos hipermercados, chegando até un 64,6%. Con estes datos, Galiza convértese na cuarta do Estado Español en concentración de establecementos en mans dun puñado de empresas. Só a superan A Rioxa (72,6%), Euskadi (67,8%) e Cantabria (65%). Ademais, é de destacar que os grupos galegos contan cunha posición nada depreciábel a nivel co Estado, xa que Gadisa conta co 1% do negocio e Froiz acada o 0,6%. Estes son algúns dos datos que se desprenden dun estudo elaborado pola Universidade da Coruña para o Tribunal Galego de Defensa da Competencia (TGDC). O informe, que está coordinado por Laurentino Bello e Andrés Faíña, ofrece unha ampla radiografía sobre a distribución minorista de base alimentaria dende a perspectiva da competencia.
Tamén é salientábel a gran concentración que existe no segmento de tendas de desconto, precisamente neste eido que desenvolve políticas máis agresivas na competencia de prezos. O líder é a cadea Día (Grupo Carrefour), que ten o 82% da superficie de ventas. Mentres, o Lidl dispón do 17%, o que deriva nunha clara situación de monopolio neste sector.
Retroceso do mercado tradicional
Outra conclusión é que o sector experimentou unha profunda transformación, de xeito que o comercio tradicional deixou paso nos últimos anos ás grandes superficies. Así, por exemplo, entre 1995 e 2005, as tendas de barrio reduciron a súa participación dende o 35,6 até o 29,6% no conxunto do consumo alimentario. Pola contra, os supermercados e hipermercados acadan importantes aumentos nas súas cotas de xeito que o gasto dos fogares se eleva dende o 35,5% até o 44,7% no mesmo decenio.
Tendas máis pequenas
Doutra banda, unha cuestión a destacar é a diferenza nas dimensións entre os nosos supermercados e os máis habituais no Estado Español. Primeiro Galiza conta cun menor número de hipermercados por cada mil habitantes (a media galega é de 6,5 fronte á estatal de 7,8) e despois a dimensión media dos establecementos é de 7.120 m2, fronte aos 8.060 de media no Estado.