A Reserva Federal dos Estados Unidos fixou unha redución nos tipos de xuro do 0,5%. Á espera da confirmación as bolsas de París, Milán e Madrid xa experimentaran as maiores subidas.
A decisión da Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed) xa implicara este martes, á espera da confirmación, un importante incremento nos mercados, con subida récord do índice Dow Jones en Wall Street.
Este mércores, a inercia trasladouse a Europa, onde os mercados rexistraron incrementos significativos. Así, Milán liderou a tendencia, cun 9,87% ao peche, París gañou un 9,23% e o Ibex-35 conseguiu un crecemento récord, o segundo maior da súa historia, un 9,42%, pechando en 8.650,10. O escenario a nivel europeo só foi diferente en Alemaña, onde Frankfurt sufriu unha perda lixeira, 0,31%, debido ao impacto da forte caída de Volkswagen.
Xa cos parqués pechados, a Fed confirmaba o recorte, anunciando un descenso do 0,5%, co que o tipo de xuro queda estabelecido nos EUA nun 1%.