Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Informe de Greenpeace sobre o sector do cloro

"Non hai escusas" para a tecnoloxía obsoleta de Elnosa que contamina a ría

Malia a grave contaminación da ría de Pontevedra e mentres se adía o traslado, máis exemplos de "connivencia política": o permiso do goberno español á industria para esquivar outros dez anos as recomendacións europeas.

Redacción - 14:00 29/10/2008

Até 2003 o complexo industrial de Elnosa verteu directamente na praia de Praceres. Na actualidade, os vertidos contaminantes van a través dun emisario submarino a un punto situado fronte á illa de Tambo. No que é o primeiro estudo sistemático sobre a industria do cloro no Estado Español, Greenpeace elixiu tomar mostras a pé da propia zona de Praceres, onde atopou que malia os cinco anos transcorridos desde que que os vertidos non van directamente a ese punto, os sedimentos analizados amosaban preocupantes niveis de mercurio á beira dun lugar onde na actualidade hai actividade marisqueira.

É un exemplo da persistencia da contaminación froito da actividade de Elnosa, que opera coas chamadas "celas de mercurio", unha tecnoloxía obsoleta e perigosa e contra a que xa se conseguiu consenso en diversos convenios internacionais. O obxectivo a nivel mundial: suprimir o uso destes procedementos antes do ano 2010. Paradoxalmente, e de costas ás propias recomendacións que a Unión Europea estabeleceu ao respecto, o goberno español asinou un acordo coa industria para autorizar o uso deste sistema durante dez anos máis, cando menos até 2020.

Nese marco de "connivencia política", mesmo no caso de que o prometido traslado do complexo de Lourizán a outra zona onde o seu impacto no medio fose menor, non está garantido que se fosen a usar técnicas menos agresivas, tal e como recomenda a UE. En opinión de Juan López de Uralde, director de Greenpeace, isto é precisamente o máis preocupante, que as industrias conten "co beneplácito dos poderes públicos para seguir contaminando libremente e xa demostrasen abertamente a súa intención de non investir nas técnicas máis limpas existentes".

Elnosa ten na actualidade capacidade para producir 34 mil toneladas anuais. O 68% da produción de cloro úsase para facer hipoclorito sódico (lixivia doméstica) e ácido clorhídico; o 15% adícase a tratamentos de auga, fabricación de medicamentos e produtos agrícolas e o 17% restante á fabricación de PVC.

Propoñen unha "Axencia de Sostibilidade Química"
No caso concreto das "celas de mercurio", o Estado Español converteuse nun dos redutos a nivel europeo para as empresas que teiman en usar esta tecnoloxía obsoleta, co 20% do total das que aplican esta técnica contaminante. Diante desa situación, Greenpeace propón crear unha Axencia de Sostibilidade Química, organismo que controlaría o sector industrial neste ámbito, vixiando a contaminación causada, realizando estudos periódicos de saúde ambiental, elaborando un rexistro actualizado e público das emisións contaminantes ao medio e dándolle soporte técnico ás empresas para que se adecúen ás esixencias legais.

Advirten os ecoloxistas de que é urxente que as administracións atendan ás evidencias da "grave contaminación aparentemente invisíbel" causada pola industria do cloro. Denuncia Greenpeace que se xera unha toxicidade que se acumula e permanece no medio durante anos, deteriorando pouco a pouco a saúde dos cidadáns e do medio, tal e como demostrarían estudos realizados noutras zonas do planeta. Ao fío, recordan que países como Xapón demostraron que se pode reducir en pouco tempo a contaminación por mercurio. Ademais, no caso xaponés a cuestión tornouse prioritaria despois da grave contaminación acontecida na Bahía de Minamata que provocou a intoxicación de milleiros persoas por consumo de marisco contaminado. Así, na actualidade, as instalacións que usan a chamada tecnoloxía limpa "con membranas" son xa o 90% do total. No Estado Español, esta tecnoloxía, que é tamén máis eficiente enerxeticamente que a de "celas de mercurio", foi instalada só por unha planta en Hernani.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: