Os dous representantes políticos volveron discutir pola denominación do país (Galiza versus Galicia).
O presidente da Comisión de Educación e Cultura, o nacionalista Bieito Lobeira, decidiu botar fóra o secretario da mesma, o popular Ignacio López-Chaves, logo da enésima discusión polo topónimo do país. O enfrontamento principiou nada máis arrancar a comisión. Lobeira daba por constituída a “comisión cuarta do Parlamento de Galiza” cando a López-Chaves lle faltou tempo para replicar que esa comisión non podía constituirse porque non existía (en alusión á forma Galiza).
Lobeira reivindicou o dereito a falar do Parlamento de Galiza e sinalou que xa a secretaria recollería a denominación de Parlamento de Galicia nas actas. Porén, o deputado do PPdeG insistía en pedir unha rectificación. Lobeira negouse a isto e chamou á orde en dúas ocasións ao parlamentario que seguía discutindo sobre o topónimo e advertiuno de que se mantiña a actitude acabaría por expulsalo. O deputado popular retrucou: “De qué comisión me vai expulsar?” Nese momento Lobeira decidiu botalo fóra da sala, logo de consultar cunha funcionaria o regulamento.
Unha vez constituída a comisión, a deputada conservadora Manuela López Besteiro pediu a palabra e mostrou o malestar do PPdeG pola expulsión do seu parlamentario. A ex conselleira asegurou que, fóra de micro, un deputado nacionalista lle chamou a López-Chaves “cerebro de mosquito”. Acto seguido da intervención de López Besteiro, os deputados populares abandonaron a comisión.
Logo do incidente, Lobeira quixo puntualizar que o motivo da expulsión "non é unha cuestión de diferenzas de criterios", senón que se debeu á "imposibilidade de poder desenvolver con normalidade a sesión", en alusión ás interrupcións de López-Chaves.