O ciclista do Xacobeo sufriu fracturas de cóbado e clavícula ao caer durante unha marcha en bicicleta de montaña, disputada o pasado domingo en Cambre.
Gonzalo Rabuñal sufriu unha aparatosa caída o pasado domingo, mentres participaba nunha marcha con bicicletas de montaña, en Cambre. O resultado da caída foi unha fractura con desprazamento da clavícula, e outra no comezo do radio, á altura do cóbado. O ciclista do Xacobeo Galicia contaba que saíu despedido "por riba do guiador da bicicleta ao meter a roda dianteira nunha fochanca". Rabuñal perdeu visibilidade por mor do po que levantou diante del unha caída anterior, e este po impediulle ver con tempo a fochanca na que rematou encallando a súa roda dianteira.
O ciclista de Arteixo atopábase nunha fase de "descanso activo", previa ao comezo da preparación invernal. Agora ten por diante unha recuperación estimada de seis semanas, polo que espera estar a punto para o inicio da tempada. Nun principio as lesións non precisan de intervención cirúrxica, aínda que haberá que agardar á evolución da fractura de clavícula, que pode ser máis complicada por producirse un desprazamento do oso despois de quebrar. O propio ciclista afirmou non estar "de todo convencido" de que unha vendaxe correctora sexa suficiente para solucionar este problema.
Con este desafortunado incidente Rabuñal pecha unha boa tempada, tanto a nivel colectivo como individual. Ademais dos éxitos acadados polo Xacobeo, o de Arteixo obtivo boas clasificacións, como o sexto lugar acadado na xeral da Volta a Asturias ou o oitavo da Volta a Irlanda. A lesión chega no momento menos malo do ano, o período estival que separa o final dunha tempada e o comezo da seguinte.