Sorte desigual para os equipos galegos na División de Honra do fútbol sala.
O porteiro do Lobelle, Marcos Vara trata de roubar o balón a un xogador do Cartagena / Foto: LNFS
Un excepcional Fernandinho levou o Ázkar á vitoria por 5-2 ante o Marfil Santa Coloma, nun partido disputado este sábado no pavillón municipal de Lugo. O aleiro brasileiro rachou o partido cun gol no derradeiro minuto do primeiro tempo e outro ao inicio do segundo. Esta derrota deixa ao Santa Coloma como último clasificado da liga.
Polo seu lado, o Lobelle baixou até a cuarta posición na liga despois de perder por 7-4 fronte o Peinasa Cartagena. O partido comezou cun ritmo vertixinoso e mantívose igualado até mediada a primeira parte. Nese momento apareceron Javi Matía e Esquerdinha para distanciar ao Cartagena no marcador.
O Ázkar sobe así até a segunda posición na clasificación da máxima división estatal, a só un punto do Pozo de Murcia Turística. O Lobelle baixa até o cuarto lugar, a tres puntos dos lucenses e outros tres do líder.
Na seguinte xornada o Ázkar terá un difícil partido na casa do Pozo de Murcia Turística. A primeira posición estará en xogo no pazo dos deportes de Murcia, o vindeiro sábado. O Lobelle tamén terá un partido complicado, xa que recibirá no multiusos do Sar a todo un histórico como o Playas de Castellón.