Nos últimos doce meses o número de desempregados aumentou en Galiza en 24.900 persoas.
Os traballadores de Faurecia, manifestándose contra o Expediente de Regulación de Emprego / Imaxe: CIG
O desemprego aumentou en 3.300 persoas no terceiro trimestre do ano con respecto aos tres meses anteriores. Así o número total de desempregados situouse en 112.400 e a taxa no 8,47%. Así se desprende da Enquisa de Poboación Activa (EPA), difundida polo Instituto de Estatística (INE).
Nos últimos doce meses, o número de traballadores en paro aumentou en 24.900 persoas e a ocupación reduciuse por vez primeira na taxa interanual, o 0,05%, o que equivale a 600 persoas empregadas menos nese período. Isto significa que por primeira vez se destruíu emprego en Galiza. Así o número de ocupados ao remate de setembro situouse en 1.214.500 persoas.
Ademais sóubose que Galiza se atopa, arestora, entre aquelas Comunidades Autónomas nas que se produciu un maior incremento da ocupación. Neste trimestre rexistráronse no noso país 13.700 empregos novos, o que nos sitúa por detrás de Madrid (126.100) e á par con Castela León.
No Estado Español, as cifras deparan unha subida do paro que afecta a 217.200 persoas e a taxa de desemprego subiu ao nivel máis alto dende 2004, chegando ao 11,33%. Así, o número de desempregados roza os 2,6 millóns, logo de aumentar en 806.900 nos últimos doce meses.