O Parlamento flamengo aprobou solicitarlle á ICANN un dominio de primeiro nivel, que podería ser .vla, .vln ou .fla.
Seguindo o vieiro marcado, entre outros, pola Asociación PuntoGal e a petición dun dominio para a lingua e cultura galegas, agora o parlamento de Flandres tamén aspira ao seu propio dominio de primeiro nivel. Fronte ao .be de Bélxica, os flamengos aínda teñen que decidir se lle pedirán á ICANN o .vla, .vln, .vlaanderen ou .fla. O primeiro ministro de Flandres, Kris Peeters, cre que conseguir o dominio para a lingua e a cultura flamengas poderá custar arredor de 100 mil euros.
En declaracións á BBC, Peeters asegurou que non está a favor da independencia da comunidade de fala neerlandesa, mais si a que se produza un "xiro copernicano" e as dúas áreas culturais gañen máis peso nas decisións políticas fronte aos poderes federais. Ademais, un dominio para o flamengo podería axudar a darlle máis relevancia á cultura de Flandres.