Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LITO, CANTANTE DA ORQUESTRA PANORAMA

"A xuventude está volvendo ás romarías"

Leva 15 anos coa orquestra que fai 20 naceu sendo de Caldas e hoxe non ten tempo para folgar nun único lugar. Esta sexta feira xuntaron milleiros de persoas no seu aniversario en Ordes.

P.García - 13:00 25/10/2008
Lito Garrido compaxina as función de músico e xerente da Panorama

Lito Garrido compaxina as función de músico e xerente da Panorama

A Panorama cumpría esta sexta feira 20 anos sobre os escenarios, sendo unha das orquestras máis seguidas do noso país. Pasadas as 23:00 horas, con milleiros de persoas xuntas na vila de Ordes, o cantante Lito Garrido subía ao escenario para comezar cun repertorio que recollía temas dos novos, e dos de sempre. Acompañando á orquestra estaban tamén en Ordes o cantante David Civera (que subiu arrodeado dos acordes dun dos seus temas máis coñecidos, Bye, Bye Picolisima Dama); a ex de Operación Triunfo, Nuria Fergó; David de María; a banda Mago de Oz; o cantante do mítico grupo ourensán, Los Suaves, Yosi; e o grupo madrileño Pignoise.

En Vieiros falamos con Lito Garrido Dopazo, un home polifacético que exerce as funcións de músico e, ao mesmo tempo, xestor da Panorama. Enriba do escenario alterna o micro co saxofón e os teclados. Fóra do palco é o líder indiscutíbel da que hoxe é unha das orquestras máis importantes do país. Este ano celebraron o súa segunda década cunha tempada repleta de concertos.

Como foi evolucionando a Panorama dende que ti a coñeceches, hai xa máis de 15 anos?
Ao principio eramos practicamente un grupo orquestral. Eu, por exemplo, tocaba o saxo, ademais de cantar. Despois foron vindo máis músicos e fomos medrando a nivel de infraestruturas e repertorio.

E como mudou neste tempo o espectáculo que ofrecedes ao público?
Os tempos cambian e nós procuramos facelo na mesma liña. Agora xuntamos música de baile con outra máis actual e, por riba de todo, un espectáculo visual que nos diferenza das outras orquestras.

Cales son as cancións que máis vos pediron os vosos seguidores?
Pois seguramente Virgen del Rocío, de Isabel Pantoja; unha das cancións que forman parte do musical Xesucristo Super Star; e Sobreviviré, de Mónica Naranjo.

A Panorama foi a primeira orquestra galega en ter o seu propio club de fans. Que importancia tiveron e teñen estes seguidores máis fieis para vós?
Sempre houbo xente á que lle gustaba máis unha orquestra ou outra. Nós levámolo ben, xa que é moi importante ter uns seguidores detrás de ti. Tamén os tratamos ben, e facémoslles unha festa cada ano, onde lles damos unha serie de regalos como camisolas ou discos. O noso club de fans comezou a funcionar hai máis de 10 anos e hoxe xa conta con 2.500 persoas que teñen o seu carné de socio. Cando nós comezamos con isto, as outras orquestras rían, pero despois todas as grandes remataron facendo o seu club de seguidores.

E que hai de real no tópico que fala do músico como un cativador?
Iso é como en todo na vida. Os que son guapos teñen máis éxito, e andan máis rapazas detrás deles. Está claro que a orquestra é un lugar bo para que te miren, e tamén é certo que a imaxe de artistas nos axuda un pouco.

As orquestras estiveron sempre moi ligadas ás romarías, principalmente nas vilas e aldeas. Como evolucionaron as romarías dende que ti participas nelas?
Hai 15 ou 20 anos houbo un tempo no que a xuventude marchaba para as discotecas. Agora, na maioría das aldeas, a xuventude está volvendo ás romarías. As romarías están moi arraigadas en Galiza, forman parte importante da nosa cultura. Calquera persoa que veña de fóra queda asustada do número de festas que temos, a cantidade de orquestras e as infraestruturas que teñen estas. Os grupos que tocaron connosco na primeira gala da xira de aniversario alucinaron cos medios dos que dispoñemos, e son grupos de primeiro nivel.

Un bo sinal de que as verbenas están en auxe é as máis de 200 actuacións coas que ides rematar o ano. Tivo moito que ver nestas cifras a vosa xira de aniversario?
Si todo vai ben, no fin do ano teremos feitas 210 actuacións en nove meses. Foi o ano que máis traballamos, chegando a tocar 86 días seguidos. A xira de aniversario axudounos, deunos publicidade, pero o que fai que te volvan chamar é o repertorio e o espectáculo que ofreces.

Vós sodes unha das orquestras máis importantes do país. Crees que as orquestras máis pequenas que a vosa comparten esta boa situación?
Hai algunhas orquestras que viven só da música e outras compaxínano con algunha actividade. Está claro que coa crise na que andamos este inverno vai ser difícil para as orquestras máis pequenas.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O espectáculo da Panorama, captado por roxegar no seu Flickr / André Medeiros fai equilibrios nunha actuación na Coruña este verán
O espectáculo da Panorama, captado por roxegar no seu Flickr / André Medeiros fai equilibrios nunha actuación na Coruña este verán
Lito Garrido, en directo / Flickr: roxegar
Lito Garrido, en directo / Flickr: roxegar
Irene Iglesias, outra das voces da Panorama / Flickr: roxegar
Irene Iglesias, outra das voces da Panorama / Flickr: roxegar
Diana Cea, tamén cantanta da Panorama, interpretando un tema de Mónica Naranjo / Flickr: roxegar
Diana Cea, tamén cantanta da Panorama, interpretando un tema de Mónica Naranjo / Flickr: roxegar