Segundo publica a revista Neuron, un grupo de científicos da China e os Estados Unidos conseguiu desenvolver unha técnica que permite a eliminación dos recordos danosos do cerebro dos ratos.
Descubrindo mecanismos do cerebro
O Instituto de Descubrimentos do Cerebro e o Comportamento da Facultade de Medicina de Georgia (EEUU) dedícase a investigar os principios de organización da memoria e a súa relación cos mecanismos de computación, coa aspiración de decodificar o cerebro.
E un gran paso cara este reto foi dado polo Doutor Tsien, que conseguiu extirpar mediante mecanismos moleculares algunhas partes do almacén dos recordos do cerebro duns ratos.
Os ratos transxénicos creados por Tsien producen doses extra dunha encima cerebral denominada quinasa II dependente de calcio-calmodulina, un compoñente da maquinaria da memoria.
Así, someteron aos animais a experimentos de recoñecemento de obxectos e de medo condicionado por un son que os ratos aprenderan a asociar cunha descarga eléctrica, ensaiando tanto o recordo recente como o lonxano.
Segundo Tsien, os ratos perden os recordos de xeito selectivo cando tratan de rememoralos, isto é, o exceso da calcio-calmodulina non afecta á adquisición do recordo, nin á súa consolidación e almacenamento, senón á súa rememoración, xa que produce un efecto de desaparición destes recordos.
Ao Doutor Tsien aínda lle falta por coñecer cal é o mecanismo fisiolóxico que provoca esta circunstancia, polo que xa advirte de que ninguén se pode facer ilusións sobre un medicamento que produza un efecto similar en humanos, axudándoos a esquecer os traumas pasados.
FWWWRANDO