Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Tirapuxa con Esquerda Unida

Irisarri non quere falar de baixar o soldo e o PSOE di que subilo foi "un enorme acerto"

A tenente de alcalde, Iolanda Díaz (EU), acusou os concelleiros socialistas de non negociar os orzamentos e rexeitar por "razóns persoais" o recorte nos salarios.

Redacción / EP - 09:00 23/10/2008

O rexedor ferrolán, Vicente Irisarri, defendeu este mércores o que na súa opinión foi "un traballo impecábel" do concelleiro de Facenda, o tamén socialista Ramón Veloso, no impulso da elaboración dos orzamentos municipais. "Perseguiu os concelleiros durante semanas", asegurou Irisarri, subliñando que se elaborou un documento "que vale para traballar" e no que "haberá que repasar todos os capítulos", incluído o endebedamento ao que se pode chegar.

"Queda todo o traballo por facer" , engadiu Irisarri, apuntando que "o único que lle faltou a Ramón Veloso foi suplicarlle a Esquerda Unida". Así, afirmou o alcalde que falar "só do soldo do alcalde" parece "pouco serio". "Sempre estamos dispostos a dialogar os presupostos de arriba abaixo", dixo. Respondía así ás palabras da primeira tenente de alcalde, Iolanda Díaz, quen o acusara de non negociar os presupostos e de rexeitar por "razóns persoais" a baixada das retribucións salariais para facerlle fronte á crise. A concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, comentou ao respecto que ese incremento de soldos fora "un enorme acerto".

"Creo que esta política retributiva foi un tremendo acerto", explicou, "sancionou unha forma de traballar para sempre", sinalou Sestayo, para quen esa afirmación só podería ter un custo popular "se se trata con demagoxia e falta de rigor". No caso de alcaldía fixouse un salario anual bruto en máis de 70 mil euros, que segundo Sestayo permiten que calquera persoa poida "formar parte do goberno local", e que non impedirán que se dedique ás funcións municipais, "mañá, tarde e noite", "sen pensar noutro tipo de retribucións en especie ou en ter que facer outro traballo a outro sitio".

Irisarri: 73 mil euros brutos anuais
Pola súa banda, a primeira tenente de alcalde e voceira de Esquerda Unida de Ferrol (EU), Iolanda Díaz, denunciou que o PSdeG se negou a negociar as contías para o ano vindeiro e así como a baixada dos salarios. Neste senso, admitiu que foi un "erro" acceder a subirse a retribución no inicio do seu mandato, en 2007, polo que dende o seu grupo reclaman unha revisión dos soldos dos concelleiros.

O do alcalde ascende a 73 mil euros brutos anuais. Irisarri "quere recibir as mesmas retribucións" que percibía como presidente de Portos de Galicia, que "sexa o PSOE quen llas abone", afirmou Díaz.

A voceira de EU deixou de lado as críticas desta semana pola posta en marcha dunha campaña de promoción da cidade, e centrou as súas declaracións en exixirlles aos seus socios de goberno "unha negociación conxunta dos investimentos", pactando un aumento do endebedamento e un maior gasto en investimento público.

Publicidade institucional

No entanto dende o PPdeG volveron incidir no tema da publicidade institucional. Os populares aseguran que Irisarri dedica a totalidade da súa partida neste eido ás concellarías socialistas e acusan o alcalde de excluír premeditadamente as áreas de goberno de EU, que "nunca saen reflectidas na publicidade institucional".


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: