O Instituto Nacional de Pescudas Espaciais alerta dos riscos que corre esta selva tropical se aumenta a temperatura global.
Que o quecemento global terá graves consecuencias sobre a Amazonía xa non sorprende a ninguén. A novidade vén agora do grao de afección que o cambio climático terá sobre este pulmón do mundo, que acadará cotas moi elevadas. Segundo o Instituto Nacional de Pescudas Espaciais (INPE), un dos principais órganos de investigación do Brasil, o 40% deste territorio desaparecerá se o aumento global da temperatura chega aos catro graos centígrados ou máis, uns extremos que se prevén para o remate de século.
Nos últimos 50 anos a temperatura en todo o mundo subiu 0,7 graos celsius e as previsións climáticas apuntan a aumentos progresivamente maiores para o futuro. O investigador brasileiro do INPE, Carlos Nobre, asegura que a Amazonía corre o risco de converterse en sabana, xa que os bosques tropicais precisan moita chuvia para sobrevivir e hoxe escasean. Esta transición é probábel, dunha banda pola suba de temperaturas, pero tamén influirán os cada vez máis frecuentes incendios forestais, a diminución das precipitacións e a mortaldade das árbores. "Perderase así unha grande diversidade, que deixará o lugar a unha sabana empobrecida", di Nobre.
Esgotamento das especies
O investigador fai fincapé en que a perda dos bosques tropicais "erosiona a biodiversidade", o que terá consecuencias en todo o mundo. As previsións mesmo falan da perda dun terzo das especies do planeta. De feito, Nobre asegura que xa hai animais e vexetais que desapareceron nos últimos 15 anos por mor da suba da temperatura nas rexións tropicais.
En canto ás posíbeis solucións, o INPE é pesimista: "non é doado reverter o cadro", di Nobre, quen recorda que "aínda que Brasil e os países en desenvolvemento volvesen a cero as súas emisións, o quencemento global continuaría". Con todo, o científico propón o uso sustentábel dos recursos e un novo "paradigma económico para a Amazonía": "temos que agregar valor ao bosque dende a óptica dun funcionamento ecolóxico preservado".