Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O novo plan non funcionaría até 2010

Tregua no pulso polo financiamento universitario sen cifras concretas na mesa

O cumprimento dos obxectivos de investimento, 1,5% do PIB, queda para 2015.

Redacción - 09:00 21/10/2008

Vontade negociadora desde todas as partes, pero as cousas quedan, de momento, tal e como estaban. É o balance saído este luns da xuntanza do Consello Galego de Universidades. Alí, os representantes da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, os tres reitores e os consellos sociais das tres institucións, acordaron deixar de arrebolar acusacións nos medios e comprometérense ao esforzo conxunto para botar adiante a reforma do modelo de financiamento.

Na práctica, e malia estaren todos de acordo na urxencia deste desafío, cualificado de "prioritario" por todas as partes, o proceso mantense ralentizado. A meta é poñer a andar un novo plan para o período 2010-2015, onde se recollan de xeito concreto os retos das institucións universitarias para os novos tempos. Un proxecto que haberá enfrontar dous eixos decisivos: a adaptación ao espazo universitario europeo e o empurre ao sistema de investigación e transferencia de coñecemento. Paradoxalmente, non existe aínda esquema inicial para estes retos e non será até final de ano que se fala de "contactos" para poñerse ao choio.

De paso, o cumprimento cos obxectivos de investimento arelados, o 1,5% do PIB, fíxase para o ano 2015, no momento en que estea finalizado o plan que nos próximos meses sexan capaces de poñer en marcha. Será entón, de aquí en sete anos, cando o Goberno cavila que poderá situarse no que agora mesmo é a media de converxencia co sistema universitario estatal e europeo. Unha taxa financiadora que ademais deberá incluír os cartos públicos e privados.

Consenso sen présas
"Todos coinciden na necesidade de superar as limitacións do actual plan", admitía esta segunda feira a conselleira de Educación. Laura Sánchez Piñón sinalaba así o "consenso e clima positivo" que na súa opinión saíu da reunión. Ao tempo, a conselleira insistiu no que veu sendo o argumento das últimas semanas para defender a posición da Xunta ao respecto do proceso, asegurando que o esforzo económico aumentou significativamente desde 2005. Un apoio financeiro que dixo considerar suficiente para o ano que vén á luz dos novos orzamentos, que en opinión de Sánchez Piñón "mostran o apoio da Xunta ás universidades".

Doutra banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago, Manuel Puga, dixo ser optimista ao respecto de que as institucións poidan converterse a curto prazo no "gran motor de desenvolvemento de Galiza". Na opinión de Puga, no actual escenario económico "desfavorábel", o Consello Galego de Universidades foi quen de "achegar esforzos e estabelecer un primeiro plan de acción que permita ir achegándonos paulatinamente á universidade de excelencia coa que todos os estamentos aquí representados soñamos".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: