Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fomento da concentración no sector

O PSOE cavila reservar para o goberno español a decisión sobre a fusión de caixas

A reforma quitaríalle á Xunta o poder para autorizar unha potencial unión das entidades galegas, trasladándollo ao ministerio de Economía.

Redacción - 10:45 17/10/2008

O interese do goberno español pola reestruturación do mapa de entidades financeiras a nivel estatal fora expresado esta mesma semana por José Luís Rodríguez Zapatero. O presidente do goberno español indicou durante unha comparecencia no Congreso que ten vontade de colaborar para "conseguir un mapa máis racional, competitivo e eficaz", en referencia á posibilidade de fusións no sector.

Rodríguez Zapatero enmarcou ese proceso na presión da actual crise económica, escenario no que asegurou que a nivel estatal e europeo se producirán "situacións de fusión ou reestruturación". Unhas palabras que ían na mesma liña do que en días previos dixera o propio gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, quen tamén prognosticara a inminencia de fusións, explicando que mellorarían eficiencia e reducirían custos nas entidades.

Incerteza sobre os posíbeis cambios lexislativos para as fusións
Fernández Ordóñez non quixo daquela pronunciarse sobre as insinuacións ao respecto dos posíbeis cambios na actual lexislación sobre as caixas de aforro de cara a axilizar os procesos de fusión entre entidades. Un debate que se levantou de xeito concreto en medios de comunicación do ámbito económico ao especularse coa posíbel integración de entidades con sede en diferentes comunidades autónomas.

A existencia de movementos no goberno español para realizar eses cambios legais foi negada polo vicepresidente económico, Pedro Solbes, quen, iso si, admitía "descoñecer" se fóra dos despachos do seu ministerio o PSOE estaba deseñando esa reforma. Ao fío, este venres revelaba datos novos o xornal madrileño ABC, quen lle atribuíu ao secretario federal de Política Económica e Emprego do PSOE, Octavio Granados, a pilotaxe dun primeiro esquema para o cambio da Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros. De xeito específico, esta reforma proxectaría mudar o actual sistema no que respecta á autorización para a constitución, fusión, disolución ou liquidación de caixas e que na actualidade outórgalle ese poder decisorio aos gobernos autonómicos. O cambio deseñado tentaría que ese poder pase ás mans do Ministerio de Economía ou ben do Banco de España. O PSOE trataría de conseguir o apoio do PP para levar adiante esta reforma no Congreso.

A Xunta afrontaría a perda de poder fronte ás caixas do país
Nun escenario como ese, a Xunta perdería así protagonismo sobre un hipotético proceso de fusión das caixas do país. Unha posibilidade que estes días volveu, aínda que con febleza, ás primeiras planas, xa que parece improbábel que exista vontade en Caixa Galicia e Caixanova para afrontar agora mesmo un proceso de fusión.

Sobre o futuro das caixas, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, avaliou este xoves que a fusión sería un cambio "positivo" sempre e cando dera lugar a unha entidade "comprometida coa promoción da economía produtiva do país" e na condición de que as entidades non perdesen o seu "carácter galego". En todo caso, explicou que a fusión é unha iniciativa que debe xurdir directamente "das propias caixas". De paso, subliñou a vontade do BNG de que as reformas que no seu funcionamento se realicen vaian encamiñadas a "unha maior coordinación" das entidades coa Xunta.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: