Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP quéixase de que non se dialogase

Orzamentos 2009 con promesa de "profundo recorte" do gasto corrente

A Xunta promete priorizar así actuacións sociais e investimentos produtivos, nunhas contas que botarán man dun déficit de até o 1%.

Redacción - 09:00 16/10/2008

O Consello da Xunta debera aprobar na mañá deste xoves os orzamentos do Goberno para 2009. O proxecto entraría así o próximo luns no Parlamento para o seu debate, co obxectivo de aprobalo antes de fin de ano.

Desde a Consellaría de Economía avanzaban este mércores que entre as esixencias ás que responden as contas para o ano que vén está o estabelecemento dun "profundo recorte" do gasto corrente. Con esta medida, o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, di agardar que se poidan aproveitar recursos para actuacións sociais e produtivas. Nesa liña estará tamén a conxelación dos salarios de altos cargos e funcionarios da administración, iniciativa que só podería mudar no eido da educación e a sanidade.

Austeridade e déficit "controlado"
Tal e como xa se anunciara en días pasados, as contas de 2009 van recorrer á débeda. Segundo esa previsión, espremeríase o máximo legal ao respecto, no gume do 1% do PIB. Deste xeito a cifra de endebedamento podería moverse arredor dos 500 millóns de euros.

Unha estratexia que despois do déficit cero de anos anteriores busca manter os investimentos produtivos proxectados, segundo insisten desde o Goberno. Así, de xeito global, as contas de 2009 indican un incremento de arredor do 3%, subindo lixeiramente por riba dos 11.556 millóns de euros orzamentados no último ano, freando así o ritmo de incremento dos anteriores exercicios (un 9%, 8,3% e 7,3% respectivamente desde 2006).

Feijoo quéixase da "soberbia" da Xunta
Na opinión do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, no actual contexto de crise económica "calquera goberno debería remitir os presupostos á Cámara coas grandes liñas" pactadas co grupo maioritario". "Pero este goberno vai aprobar os presupostos falando con todos, salvo co PpdeG", reprochou Feijoo.

O presidente do PPdeG criticaba así que o Goberno non aceptase o que cualificou de proposta de "pacto leal e sincero" que el mesmo ofreceu durante o pasado debate do estado da nación, suxerindo consensuar os Orzamentos 2009. Un rexeitamento que, segundo o presidente do PPdeG é consecuencia da "soberbia" do bipartito.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: