Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aparcado tamén o proxecto de metro lixeiro

Desmontan as vías en Galiza e inxectan mil millóns nos trens de proximidade en Andalucía

O PPdeG critica que Fomento non asigne nin un euro para estas iniciativas e ve no tranvía do Porto un exemplo para as áreas de Vigo e A Coruña.

Redacción - 09:00 15/10/2008
O metro do Porto mudou o transporte metropolitano na capital do norte portugués

O metro do Porto mudou o transporte metropolitano na capital do norte portugués

Hai un ano o Goberno mantiña aínda no cartafol dos proxectos máis ambiciosos a promesa de aposta por liñas de metro lixeiro nos contornos metropolitanos de Vigo e A Coruña. A propia conselleira de Política Territorial recoñecía a importancia que a medio prazo terían estas infraestruturas na estruturación das comunicacións en cada unha destas áreas. Malia iso, pasados os meses e co goberno español escatimando os investimentos, o metro parece saír da planificación e, ao tempo e como lles vimos contando, o Ministerio de Fomento non só non aposta polo relanzamento das liñas ferroviarias de proximidade en Galiza senón que mesmo teima en levantar vías xa existentes malia as mobilizacións cidadás en contra desta medida.

Desde o PPdeG avalían que o acontecido é exemplo do "fracaso" do bipartito en ofrecer solucións eficaces para as áreas metropolitanas ao abeiro dun Plan de Transporte. Alexandre Gómez Alonso, voceiro de Obras Públicas do PPdeG, denunciou este martes a "incapacidade para xestionar e executar os proxectos de metro lixeiro" que na súa opinión amosa o actual goberno. Gómez Alonso considera que o presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial "carecen do peso político suficiente" para conseguir en Madrid os fondos necesarios para cofinanciar estas obras.

Os populares recordan que Andalucía, de onde é orixinaria a ministra de Fomento, dispón para este exercicio de 1.055 millóns de euros para liñas de tren de proximidade, actitude que contrasta co peche de estacións e levantamento de vías que forza en Galiza. De xeito concreto, Alonso tamén cita os casos de Sevilla e Barcelona, onde os orzamentos do Estado para 2009 conceden 217 e 250 millóns de euros respectivamente para as redes de metro. Así, o PpdeG propón fixarse na rede metropolitana de metro da veciña cidade do Porto, que demostrou ser "solución idónea para resolver os problemas de tránsito e mobilidade da cidade do Douro e o seu contorno".


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: