Máis aló do imposto, ADEGA convida á Xunta a apostar por unha verdadeira restauración ambiental dos ríos recuperando concensións caducadas, revisando outras concedidas de forma irregular e mesmo demolendo as instalacións máis negativas como o encoro de Caldas no Umia ou o de Sta. Uxía no Xallas. Como se pode poñer prezo á perda da fervenza do Ézaro ou ao val glaciar de Cenza actualmente aferrollados por senllos encoros? Cantos perxuízos sociais (despoboamento, expropiacións...) e danos económicos (ao turismo, hostalería, comercio...) causaron e seguirán a causar algúns encoros pola cobiza das eléctricas?
Alén disto, o propio canon é pouco ambicioso: a principal base do gravame e a capacidade máxima do encoro (1 Hm3) e non o consumo real de auga ou a produción anual de enerxía, como acontece coa norma catalana e estremeña. Deste xeito van quedar fóra do gravame moitas das mal chamadas "minicentrais", responsábeis polo seu alto número e espallamento no territorio da degradación de moitas bacías fluviais. E hai algunhas minicentrais que, por estar situadas en contornos de alto valor natural, están a causar unha maior degradación e dano ambiental, e van quedar exentas.
Tamén sería interesante coñecer cómo se van investir eses 12 millóns de € que se agarda recadar, que en teoría irán destinados á "millora ambiental" dos ríos e ecosistemas afectados. Agardamos que este novo imposto non sexa unha excusa para permitir ás empresas seguir degradando os nosos ríos con proxectos tan delirantes como as centrais soterradas e de bombeo no Sil e Miño (ENDESA e Fenosa), algunhas recentemente aprobadas pola ministra Espinosa.
Finalmente, ADEGA rexeita a intención da patronal eléctrica de trasladar os custos deste canon á cidadanía: só faltaría os galegos e galegas tiveramos que pagar polas práticas depredadoras dalgunhas empresas que durante anos tiveron dereito de pernada sobre os nosos ríos, vidas e facendas, ao máis puro estilo medieval.