Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CAMPIOA ESTATAL E EUROPEA EN MENOS DE 59 Kg

“O taekwondo pode ser no futuro un referente do deporte galego”

No momento en que as lesións a respectaron, Estefanía Hernández irrompeu na elite do taekwondo mundial como unha bátega.

Pablo García Martínez - 10:00 12/10/2008
Estefanía coa medalla de campioa europea

Estefanía coa medalla de campioa europea

Estefanía Hernández falou con Vieiros para analizar a situación actual do taekwondo e os seus planos de futuro. O subcampionato mundial, e os campionatos europeo e estatal son só algún dos títulos acadados pola moza de Ribeira nun estupendo ano 2008. Esta estudante de educación social compaxina agora os adestramentos coa súa segunda carreira, a de psicoloxía, que comeza este ano na Universidade a Distancia.

Vieiros: Por fin as lesións nos van deixar desfrutar de Estefanía Hernández?
Parece que si, xa que esta é a miña segunda temporada despois das lesións. Comecei a competir en 2007 e este ano xa puiden estar a tope durante toda a tempada.

Como foron estes duros anos de problemas físicos?

Foron dúas lesións diferentes. Primeiro opereime no 2002 do nocello, tendo que pasar por diferentes médicos xa que ningún se quería facer cargo da intervención. Uns anos despois chegou a lesión de xeonllo que me obrigou a pasar tres veces polo quirófano, e da que aínda me recuperei o ano pasado.

Que apoio recibiches por parte das institucións naquela altura?
No 2002 rematei terceira no mundial júnior, e isto permitiume ter axudas durante os dous seguintes anos. Desde entón non volvín ter axudas porque non puiden competir. Este ano comecei de cero pero o ano que ven si que recibirei algunha bolsa.

Agora pareces disposta a instalarte na elite mundial do taekwondo. A que podemos atribuír os éxitos que tiveches este ano?
Por un lado está o duro adestramento de mañá e tarde no centro de tecnificación de Pontevedra, onde facemos traballo físico e técnico. Despois a federación galega tamén contribuíu, xa que nos axudou a viaxar, fóra das competicións, a sitios como Bélxica e Nicaragua. Alí puidemos adestrar con taekwondistas autóctonos e así ver como traballan eles. Despois está claro que a sorte tamén conta.

Os vindeiros Xogos Olímpicos de Londres aparecen no teu horizonte, ou aínda é cedo para pensar nisto?
Está claro que Londres é o gran obxectivo, pero eu agora penso no presente. Para chegar a Londres hai que ir con calma, campionato a campionato.

O taekwondo non está entre os deportes de primeira liña mediática, aqueles que moven grandes cantidades de diñeiro. Aínda así, existe a posibilidade de adicarse a el de forma profesional?
Adicarse de forma profesional é imposíbel. Podes vivir de isto coa bolsa ADO, pero para iso tes que quedar entre os tres primeiros nun campionato mundial ou europeo. Só contan estes campionatos, e si non estás ben a bolsa marcha. Tamén contamos coas bolsas da Xunta, que son bastante altas. Pero de todas formas rematas dependendo dos resultados.

Ademais do teu excelente ano, hai outros taekwondistas do país que veñen acadando grandes resultados, como Bruno García ou Andrea Rica. Poderemos falar no futuro do Taekwondo como unha das bandeiras do deporte galego, como pode ser hoxe o piragüismo?
Eu creo que si, xa que se está a traballar moi ben dende a base. Un claro exemplo é José Fernández, que ven de impoñerse na Copa do Rei a nivel estatal con só 16 anos. Temos os medios necesarios e eu creo que nun futuro poderase conseguir que o Taekwondo sexa un referente do noso deporte.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: