"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida durante a Guerra Civil e durante o Franquismo, eliminar os símbolos, denominacións e referencias franquistas das rúas e edificios públicos así como a colaborar na identificación dos desaparecidos e soterrados en fosas comúns durante a Ditadura franquista, que este Parlamento, unha vez máis, condena".
Así quedou redactada despois da negociación co PPdeG a proposta de resolución que achegaban socialistas e nacionalistas para a súa votación na última xornada do debate do estado da nación. Unha inédita unanimidade poucos días despois de que os populares escenificaran, coa saída dos seus deputados do salón de plenos, o enfado pola alusión á
herdanza franquista do partido realizada na Cámara polo deputado do BNG Carlos Aymerich.
Paradoxalmente, e malia a carga simbólica desta votación unánime, na práctica cotiá hai apenas dous días que o PpdeG votou contra unha iniciativa semellante no Concello da Coruña, o que lles valeu daquela belixerantes reproches de PSdeG e BNG. Así, o grupo municipal do PP na Coruña rexeitaba este luns a proposta de elaboración dun ditame para a aplicación da Lei sobre a eliminación de símbolos da Guerra Civil e a ditadura franquista.
Asomo de consenso sobre lingua "O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar coa aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado unanimemente polo Parlamento e que indicou o camiño de aproximación, pactos e consenso que deben permitir o impulso da lingua galega dentro do respecto aos dereitos de todas e todos de acordo co Estatuto de Autonomía de Galicia".
Deste xeito rematou no papel a proposta de resolución nº1 de socialistas e nacionalistas, transacionada con outra do PP. Os voceiros parlamentarios de PSdeG e BNG felicitáronse pola posibilidade de que este acordo unánime quedase reflectido no papel. No entanto, o voceiro do PP, Manuel Ruíz Rivas, advertiu, do mesmo xeito que o fixera o día anterior o líder do partido, Alberto Núñez Feijoo, que seguen tendo a intención de derrogar o decreto do galego no ensino se conseguen recuperar o poder. De paso, acusou a socialistas e nacionalistas de rachar "a harmonía lingüística do país".