Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTATÍSTICAS

A crise muda a actitude cara ao consumo

As ventas de produtos básicos de alimentación e de droguería estáncase, mentres que adicamos unha maior porcentaxe do noso salario ao aforro.

Redacción - 11:15 08/10/2008

A crise é xa unha realidade nos nosos petos e cada quen trata de adaptar as súas compras á realidade dos seus ingresos. Así se desprende dun novo estudo elaborado pola consultora Nielsen que conclúe que as dificultades económicas están a mudar a nosa disposición cara ao consumo. Para comezar, as vendas de produtos básicos de alimentación e droguería medraron un 1,5% no que vai de ano, o que supón un estancamento en termos xerais, ao ter en conta o aumento de poboación. Nesta liña, as ventas de elementos de gran consumo manteñen taxas de crecemento entre xaneiro e agosto do 6%, se ben hai que ter en conta que un 4,4% se debe ao aumento de prezos e só o 1,5 se refire ao volume de ventas real (un incremento sensibelmente inferior ao do mesmo período do ano pasado: 3,1%).

Máis aforro
A economía converteuse xa nunha das principais preocupacións dos cidadáns: o 77% considera que "non é o momento axeitado para mercar cousas". Con este panorama por diante, os consumidores estamos dirixindo as nosas compras cara ás marcas brancas (son xa o 33% de todo o que se merca, cinco puntos máis que hai tres anos), optamos máis frecuentemente polas promocións (un 47%) e tratamos de esquecernos de luxos innecesarios (35%). Mercar menos e máis barato é o obxectivo que nos marcamos, o que deriva nunha contracción do consumo que xa se fai patente nos mercados.

Ademais, a tendencia é a de aprazar as compras que suporían un custe importante: preferimos manter o automóbil antes que mercar un novo (caída do 5,1%); non investimos en novos electrodomésticos (- 5,3%); e o descanso xa non é unha prioridade (-5%). Asemade, o mercado da hostalaría retrocedeu en volume un 1,2% e o do entretemento comeza a amosar síntomas de incerteza. Con todo, as consolas de videoxogos seguen a aumentar as ventas ao ritmo do 21%. Finalmente, o estudo revela que, unha vez satisfeitas as necesidades básicas, un 45% dos cidadáns asegura que prefire aforrar (un 5% máis que en 2007).


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: