Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
24 ANOS DUN CENTRO PIONEIRO

Xaquín Marín xubílase. E o Museo do Humor?

O venres 10 o humorista deixará de dirixir o centro, e aínda non ten substituto, mentres o Concello de Fene anuncia unha nova ubicación.

Marcos S. Pérez - 09:30 08/10/2008

En 1984 naceu en Fene o Museo do Humor, unha iniciativa pioneira no Estado que no 2009 cumprirá 25 anos. Conserva e exhibe orixinais dos máis importantes humoristas gráficos galegos (Castelao, Maside ou Seoane) e unha selección moi valiosa de creadores do Estado Español e doutros países (como Mingote, Dick Browne, Gila, Edgar Neville ou Chumy Chúmez. Organiza dende a súa apertura as Xornadas do Humor, e convoca anualmente os Premios Curuxa de Humor. Estas iniciativas, xunto ao propio museo constitúen un valor cultural e turístico único, sobre todo para unha vila de tamaño medio como é Fene.

O Museo do Humor é Xaquín Marín. Creouno en 1984 e diríxeo dende entón. Agora que se xubila, cal vai ser o futuro do Museo? ""Pois non sei", di "porque aquí non hai ninguén para substituírme. Paréceme moi grave que a dous días de que eu marche non estea buscado xa o meu substituto". Xaquín Marín é empregado municipal e o Concello sacará a concurso público a súa praza nas vindeiras semanas; en canto á persoa que o substituirá á fronte do museo, o proceso pode ser un chisco máis complicado. Iván Puentes, alcalde de Fene, di que "non é fácil atopar unha persoa cun perfil tan específico, que domine o humor gráfico, e que estea á altura intelectual de Xaquín".

Puentes recoñece a importancia do Museo e a necesidade de relanzalo: "O Museo está afogado na súa actual localización, pouco apropiado para os fondos valiosísimos cos que conta; temos que atopar un novo espazo e fórmulas para dinamizalo, porque se trata dun recurso cultural importantísimo, e mesmo un recurso turístico para o Concello". No 2009 está prevista a construción dun edificio multiúsos en Fene, que ben podería acoller o Museo, ou ben podería liberar espazo na Casa da Cultura (onde se ubica o centro).

Porén, para Marín non se trata dun problema de espazo: "Espazo hai de sobra, o que falta é persoal para manter o museo, que está case abandonado. Este ano, por exemplo, negueime a facer as xornadas do humor se non contrataban a alguén para axudarme, e como non o fixeron, pois non houbo xornadas". As súas críticas non van dirixidas unicamente cara ao goberno actual, unha coalición entre PSdeG-PSOE e BNG, na que os nacionalistas xestionan o departamento de Cultura, senón tamén contra a xestión cultural dos gobernos anteriores".

"O humor galego estase perdendo"
"Creamos o Museo do Humor porque coidabamos que o humor galego se estaba perdendo. En realidade estase perdendo todo o humor", láiase Marín, que denuncia que "o humor estase globalizando, como todo. O problema é que gran parte da identidade galega procedía da vida agraria, que se está perdendo, e moita xente non quere saber nada da identidade galega ou do humor galego. Pero como vai haber humor galego se nos están bombardeando todo o día na televisión cos Morancos?".

En canto ás novas xeracións de profesionais, Marín di que "hai moitos e moi bos debuxantes; entrou moita xente nova con moi boa técnica. O que percibo, así e todo, é que utilizan un humor que ten moi pouco de galego. E en canto aos xornais, hai moitas viñetas, e déronlles entrada a moitos humorista gráficos, pero non saben utilizalos moi ben. Cando se utiliza o humor galego moitas veces úsase mal, recorrendo á chabacanería, ao máis simple. Iso si, por primeira vez temos unha revista galega de humor, Retranca", conclúe Marín.

Toda unha vida debuxando
Xaquín Marín dixo máis dunha vez que "empecei debuxando para pintar", e esa é unha das contas pendentes que intentará saldar na súa xubilación, "pero tampouco vou ter moito tempo, porque vou seguir coas colaboracións con La Voz e Retranca", di. Aínda na ditadura colaborou con Raimundo Patiño na Estampa Popular Galega, para comezar a publicar banda deseñada na revista Chan en 1975, e publicar o histórico álbum 2 Viaxes, a medias con Patiño. Despois, Marín derivou cara ao humor gráfico, colaborando en multitude de xornais e revistas, como Diario 16, El Ideal Gallego, Das Kapital, Luzes de Galicia, A Nosa Terra ou Teima, e a partir de 1988 en La Voz de Galicia.

Para os vindeiros meses, Marín prepara a publicación de dous novos libros. Un deles estará dedicado a Isolino, que é un dos seus personaxes máis populares. O outro trátase do primeiro traballo de Marín na banda deseñada; El Patito Editorial encargarase da súa publicación, seguramente a comezos do 2009.


4,65/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Visita do ministro de Cultura, César A. Molina, e Iván Puentes, ao Museo do Humor
Visita do ministro de Cultura, César A. Molina, e Iván Puentes, ao Museo do Humor