Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado da Nación

O Goberno pon 430 millóns a disposición das empresas fronte á "marusía económica"

"Sufriremos", agoirou o presidente da Xunta, que anunciou subvencións para a contratación de parados de longa duración, incentivos a microempresas, préstamos para investimento e axudas ao transvase de traballadores.

R.Noguerol - 12:00 07/10/2008

"Nin son inxenuo nin irresponsábel", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cara ao final da súa primeira intervención este martes no Parlamento, e despois de facer un balance da traxectoria de goberno dos últimos tres anos. Durante este resumo, insistiu en que Galiza "sacou músculo" e é "máis forte" fronte ao escenario de crise, mesmo chegando a poñer en dúbida que os cidadáns perdesen poder adquisitivo durante este período.

Nun discurso de arredor de dúas horas de duración, o presidente empregou os últimos vinte minutos en debullar a que presentou como "resposta á crise", destacando que se trataría dunha prolongación do propio plan que o Goberno xa presentou o pasado mes de xaneiro. "Gañamos tempo porque as luces de alarma prendéronse cedo", apuntou ao respecto das medidas daquela avanzadas fronte aos primeiros "síntomas de desaceleración".

"Sei que sufriremos"
Subliñou Emilio Pérez Touriño a súa convicción de que a crise económica responde en Galiza en exclusiva a "factores esóxenos" e insistiu en que o noso país "resistirá mellor" aos paus do contexto internacional debido á traxectoria de crecemento económico superior á media estatal e europea nos últimos anos. Ao abeiro desa idea mesmo lle atribuíu o incremento do desemprego en Galiza á inscrición de parados chegados "doutras comunidades autónomas". "A metade do total este ano", teimou.

"Inevitabelmente Galiza acusará o impacto", concedeu Pérez Touriño, argumentando deseguido que o crecemento económico pasou a ser aquí menos dependente da construción, defendendo o incremento de investimento en obra pública en paralelo ao freo ao boom inmobiliario, sinalando o menor endebedamento de familias e empresas e salientando o diálogo con empresariado e sindicatos.

Extra de 430 millóns para un total de 1.572 a disposición das empresas
Os "novos diques de contención" aos que se referiu o presidente da Xunta en forma de medidas extraordinarias en materia de emprego e actividade económica inclúen a meta de incentivar a contratación de 20 mil traballadores en 2009. Emilio Pérez Touriño destacou de entre estas a promesa de subvencionarlle ás empresas até 10 mil euros por cada contrato indefinido que asinen cun traballador que leve máis de doce meses no paro.

Neste apartado concreto de fomento do emprego, a Xunta proxecta investir 78 millóns de euros repartidos en varios obxectivos: incentivos a microempresas con até o 60% do custo salarial de dous anos; axuda á mobilidade cara a sectores emerxentes en detrimento de áreas como a construción, co financiamento dos custos laborais derivados da reciclaxe; iniciativas concretas en favor do emprego feminino e subvencións directas por contratación de parados de longa duración. No que lle toca ao máis estritamente financeiro, o Goberno fixará 150 millóns de euros para axudar a afrouxar a carga de débeda da actividade das pemes e destinará 200 millóns a unha liña de préstamos para investimento. Unha inxección extra que completa así un total de 1.572 millóns de euros, segundo resumiu Touriño, a disposición das empresas en tempo do que cualificou como "marusía económica".


Austeridade nos orzamentos
"Rigor e austeridade" no gasto, impulso ao investimento produtivo, reforzamento da política social e "nítida xerarquía de prioridades". Foi o avance realizado polo presidente da Xunta sobre o inminente proxecto de orzamentos que para 2009 presentará o Goberno.

Segundo a avaliación de Touriño, as contas para o ano que vén fixaranse especialmente nos sectores estratéxicos e nos que maior impacto negativo sofren na actual conxuntura económica. De paso, asegurou que non se estabelecerán recortes sociais e que se manterá o investimento en educación, sanidade e servizos sociais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: