Os ministros de Economía acordaron un aumento da cantidade de cartos que avalará o Estado se os bancos creban. As bolsas, porén, amencen con dúbidas.
Os máximos responsábeis da economía e das finanzas dos países da zona euro estudarán este martes un conxunto de medidas para afrontar a crise. Entre elas está a ampliación do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), que segundo a lexislación actual, debe cubrir un importe mínimo de 20 mil euros por entidade e titular en caso de creba, se ben os Estados poden ofrecer garantías adicionais. No caso do Estado Español está situada nesta cantidade mínima, mentres que outros países como Francia garanten até os 70 mil euros. As previsións apuntan a que este límite se elevará por enriba dos 40 mil euros e mesmo hai fontes que falan dos 100 mil euros. Na xornada do luns houbo un principio de acordo sobre a necesidade de ampliar este mínimo, se ben é preciso o apoio dos 'Vinte e sete' para tomar tal decisión.
O obxectivo é evitar que ningunha entidade bancaria chegue á creba, ao tempo que se pretende inspirar confianza aos cidadáns e protexer os pequenos aforradores da crise financeira. Unha vez concretado o acordo, a previsión é que a Comisión Europea presente iniciativas específicas, de xeito que os cambios entren en vigor o máis rapidamente posíbel.
Reaccións dende a Bolsa
Porén, os mercados europeos amenceron con dúbidas sobre a aplicación destas medidas dos dirixentes políticos. Logo dunha apertura netamente á alza, os parqués pasaron aos números vermellos. Coa atención posta na decisión final que tome o Ecofin, o IBEX é o único índice que a media mañá cotizaba en positivo, cunha suba de case un punto. No día despois de que Wall Street pechase no nivel máis baixo dende 2004, os rebotes foron xeneralizados na apertura da Bolsa este martes: os índices europeos experimentaron repuntes na apertura que chegaron até o 3,28% en París, do 2,24% en Milán ou o 2,15% en Londres. Porén, a media mañá os valores foron caendo paseniñamente.