Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
CENTRAL HIDROELÉCTRICA “OS PEARES III”

Suporá a destrucción de parte importante da Ribeira Sacra

O documento de análise ambiental do proxecto está en fase de exposición pública

ADEGA - 18:17 02/10/2008
Tags:

Unión Fenosa pretende realizar o mesmo proxecto que Iberdrola pero desta volta no entorno do encoro dos Peares. O proxecto consiste na escavación de túneles subterráneos que extraerán 77.000 m3 de cascallos e que terán que ser depositados nalgures, ainda que este extremo non foi recollido no documento de análise ambiental que está a exposición pública.
O documento presentado por Unión Fenosa é unha auténtica recopilación de despropósitos e de falta de consideración polo medio natural por parte de estas empresas depredadoras dos recursos de todos os cidadáns para o seu enriquecimento proprio. De feito as campañas publicitarias que cacarean o respetuosas que son estas empresas co medio ambiente chocan de fronte coa realidade xa que se comportan como se no Miño ou no Sil non existise ningunha actividade económica aparte da súa propria.


Entre os factores que determinan o grave impacto ambiental do proxecto está o baleirado do encoro dos Peares, asunto de capital importancia ambiental e que só se nomea unha vez e brevemente no documento de análise ambiental. Para ADEGA trátase dunha intencionada ocultación de datos relevantes para a correcta avaliación do impacto da obra xa: o valeirado ocasionará problemas de contaminación por lodos do fondo do vaso alén de graves perxuízos económicos xa que os catamaráns turísticos que terán que deixar de funcionar durante os anos que durarán as obras.


Alén disto, existen numerosas afeccións á fauna e á flora protexida que tampouco aparecen correctamente recollidos no proxecto, como tampouco se avalía o impacto do tendido das liña de alta tensión para a evacuación eléctrica que non aparece no documento de análise ambiental. Estas liñas de alta tensión afectarán ás escasas poboacións galegas de aguia real (Aquila chrysaetos) e ás demáis especies e hábitats protexidos do LIC Canón do Sil (Rede Natura). No entanto, para os autores do estudo estas afeccións a especies protexidas parecen non ter moito interés xa que no documento non de abordan máis que de forma anecdóctica, tratándose na realidade dos impactos máis graves.


O documento tampouco reflicte que a zona dos Peares está proposta para incluirse na futura ampliación da Rede Natura, na que formará parte do novo LIC Miño-Neira, nen que está en periodo de tramitación a declaración de Paisaxe Protexida para a Ribeira Sacra, sendo precisamente as brutais afeccións paisaxísticas unha característica deste faraónico proxecto.

ADEGA agarda que a Consellería de Medio Ambiente faga chegar á Ministra Espinosa a súa enérxica oposición a este despropósito, aínda que visto o acontecido co proxecto xemelgo no Sil (Santo Estevo) coas obras recén iniciadas, de pouco ou nada van valer as consideracións do departamento do Sr. Vázquez. Deste xeito, seremos outra volta os ecoloxistas e os cidadáns galegos a última liña de defensa do noso patrimonio natural contra estes delirantes proxectos.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: