A Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural non estaba desenvolvida neste punto, o que dificultaba a protección de bens e inmóbeis históricos.
A Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural apenas dedicaba un artigo, o 23, a regular o procedemento de inclusión dun ben no inventario xeral do patrimonio. A norma simplemente determinaba que a devandita inclusión requiriría a tramitación previa do expediente pola Consellaría de Cultura, e que lle serían aplicábeis as normas xerais do procedemento administrativo. Esta regulación tan parca dificultaba o traballo da administración na protección dos bens e inmóbeis necesitados de coidado. Ademais, provocaba conflitos, en certas situacións, entre os administrados e o interese público.
O Consello da Xunta aprobou o Decreto sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, o primeiro regulamento que servirá de ferramenta normativa específica para o recoñecemento de elementos patrimoniais como bens inventariados. Grazas a este novo decreto, a Consellaría de Cultura poderá axilizará o procedemento de inclusión no inventario dos bens patrimoniais.
A categoría de ben inventariado é a máis básica das categorías de proteccións de bens culturais, que complementa a de ben de interese cultural (BIC) e a de ben catalogado. O procedemento para estas dúas últimas categorías xa se contemplaba na lei de 1995, pero non así a inclusión dun ben no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.