Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UE pide incrementar a "credibilidade" do sector

A Eurocomisión propón deseñar un mecanismo supervisor común e reforzar as garantías dos aforros

Esténdese entre os gobernos europeos a idea dun posíbel plan de "rescate" banqueiro similar ao estadounidense, que este mércores recibiu a beizón do Senado.

Redacción - 09:00 02/10/2008

Ademais de aumentar a protección das contas bancarias e subir as cantidades mínimas protexidas, a chamada a incrementar a "credibilidade" do sector inclúe maior transparencia sobre os soldos dos executivos. Así o trasladaba este mércores a Comisión Europea, advertindo sobre a desconfianza crecente dos cidadáns que ven como afunden algunhas das entidades financeiras supostamente máis prestixiosas en todo o mundo.

Nese contexto, a Eurocomisión propuxo que se reforcen as garantías para estes aforradores, comezando por aumentar as cantidades mínimas que o sistema sempre asegura independentemente da crise. Na actualidade, a lexislación europea estabelece unha garantía mínima de 20 mil euros para cada titular dunha conta bancaria, unha cifra que cada estado pode aumentar segundo o seu criterio. As garantías móvense así entre esa cantidade, fixada por exemplo no propio Estado español e a decisión recente do goberno irlandés de fixar de xeito temporal, por un prazo de dous anos, de cubrir o cento por cento dos aforros das principais entidades financeiras.

O comisario europeo de Comercio, Charlie McCreevy, admitía esta semana a falta de consenso ao respecto destas medidas. En debate está tamén o sistema a través do que o afectado pode cobrar os cartos se a entidade financeira vai á creba, un prazo que na UE pode ser até de medio ano. "Non é só unha cuestión de inxectar liquidez nos mercados, senón tamén de introducir credibilidade a través dunha resposta europea de cooperación para acadar un mellor goberno europeo e global do sistema financeiro", explicou o presidente da Comisión Europea, o portugués José Manuel Durão Barroso.

Diferenzas sobre os posíbeis "plans de rescate"
Con 74 votos a favor e 25 en contra, o plan de rescate financeiro deseñado polo goberno estadounidense para afrontar a crise saía este mércores adiante no Senado daquel país. Trátase dun plan modificado sobre o documento previamente rexeitado polos congresistas e que agora podería volver á Cámara Baixa, paso previo a poder converterse en lei.

Mentres, na UE non hai acordo aínda sobre a posibilidade dunha iniciativa similar, despoisn de que en Alemaña, Bélxica ou Reino Unido xa tivesen que despregarse operacións de rescate das primeiras entidades financeiras. A idea era subliñada esta cuarta feira polo presidente do Deutche Bank, e en Francia a prensa faise eco da intención do presidente francés, Nicolás Sarkozy, de propoñer unha actuación nese sentido. Con todo, xa abrollaron algunhas posicións contrarias, por exemplo, a do goberno alemán.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: