A Terceira Foliada, que volve á capital catalá despois de pasar o ano pasado por Cerceda, desenrolarase por diversos espazos de Nou Barris.
Por "foliada" enténdese tradicionalmente, festa, diversión nocturna na que a xente se reúne para cantar e bailar. Tamén encontro bulicioso no que interveñen un grupo numeroso de persoas. Este significado -mantido na actualidade, xa que continúa sendo una práctica habitual en moitos sitios de Galiza- amplíase con outra que refire á súa vertente menos espontánea. A "foliada" era tamén unha peza teatral de creación popular que se representaba no tempo de Entroido, onde cumpría co papel de facer crítica, de mostrar os camiños a seguir, e comportaba un traballo colectivo, de pobo implicado nun proxecto común.
Esta nova edición de La Foliada, pretende dar continuidade, de igual xeito que as celebradas en anos precedentes tanto en Nou Barris (Barcelona) como en Galiza, ao carácter de festa espontánea e espazo colectivo organizado e autónomo -de análise, de crítica, de proposta, de (re)coñecemento-, que definía, e nalgúns aspectos aínda define, á "foliada" como manifestación da cultura popular galega. Esta continuidade non se entende como unha simple reprodución da tradición, senón como unha reinterpretación adaptada ao momento e circunstancias actuais.
La Foliada trasládase este 2008 a Nou Barris (Barcelona), volvendo de novo a un escenario de barrio despois da experiencia vivida no pobo de Cerceda (A Coruña). Este proceso de ida e volta -que supón alternar cada ano a celebración desta festa cultural e musical nun espazo urbano e rural- vese reforzado esta vez pola presenza de catro municipios desprazados dende Galiza: Boiro, Burela, Cerceda e Redondela. Tamén pola vontade de procurar unha maior implicación de Nou Barris, ao promover a participación dun maior número de entidades -organizadas ao redor da Coordinadora Cultural- e estender o conxunto dos actos programados a diferentes espazos do barrio. O que contribúe a consolidar o obxectivo de afondar no (re)coñecemento entes as realidades galega e catalá e continuar tecendo redes de comunicación e acción entre persoas e colectivos.
Novamente a viaxe, que recorre o camiño que tradicionalmente levaba, e aínda leva, a moitas galegas e galegos á súa emigración a Catalunya -tendo Barcelona coma principal destino-, convértese no motor que fai posíbel dar conta da principal motivación do festival, o intercambio. La Foliada traslada a un conxunto de persoas, artistas e colectivos de diferentes puntos de Galiza -promovendo a participación, ampliando a dinámica de barrio e conectando novas redes- para compartir experiencias, establecer vías de comunicación e contacto, promover o mutuo coñecemento e divertirse a través das distintas manifestacións da cultura popular.