Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVAS PROTESTAS GANDEIRAS

"A industria quere crear un clima de terror ameazando con non recoller o leite"

Os sindicatos agrarios entenden que a decisión de Leite Río de non mercar ás cooperativas obedece a unha estratexia para abaratar os prezos.

Isabel G. Couso - 19:20 01/10/2008

"Estannos levando á situación que sempre soñou a industria: a do gandeiro desprotexido e sen marxe de manobra". Estas son as palabras coas que define Marcos Louzao, do Sindicato Labrego Galego, a situación actual das explotacións. A escalada de protestas vai en aumento e os produtores aseguran estar xa no límite das súas posibilidades. Este mércores un cento de gandeiros deitaron uns 300 litros de leite fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo para protestar contra a importación masiva de Francia realizada polas industrias afincadas en Galiza. Ao tempo, en Santiago de Compostela, os traballadores das cooperativas da comarca do Deza tiraron outros dous mil litros perante a Consellaría de Medio Rural en protesta pola decisión de Leite Río de recoller só a aqueles gandeiros que vendan a título individual e non a través das cooperativas.

Aos produtores si, ás cooperativas non
Os tres sindicatos (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) están de acordo en afirmar que a situación é xa crítica. O último episodio desta longa historia é a decisión da empresa de Xesús Lence de non recoller ás cooperativas. "Se aceptamos estas presións as asociacións perderían o seu sentido, precisamente xorden pola necesidade de defender os nosos dereitos conxuntamente", di Francisco Bello (XXAA). A ameaza de Lence fíxose efectiva e por primeira vez os 65 mil litros diarios que comercializa Indega (segunda cooperativa de Galiza en produción que conta con 225 asociados) quedaron sen recolller.

A pregunta clave é ¿a que responde esta esixencia desta empresa láctea? Segundo explican os sindicatos, é unha forma de presión que busca dunha banda a "desmembración e desunión do sector" e doutra "sementar un clima de terror" ante o que os gandeiros non poidan máis que vender ao prezo que lles ofrecen. "Trátase dunha estratexia planificada da propia industria: primeiro foi Puleva na zona de Forcarei, agora Leite Río no Deza... a cuestión é ameazar con non recoller o leite para que no futuro o gandeiro asine un contrato que, polo menos, lle garanta que o seu produto sairá da explotación, sen poder exixir un prezo xusto". Neste sentido tamén se manifesta Marcos Louzao (SLG) quen engade: "queren meter medo a xente evitando que se negocie de xeito colectivo". Ante esta situación, Xabier Iglesias (UUAA) fala mesmo dun "acordo tácito" entre as empresas xa que, de non querer venderlle a Lence non teñen máis opcións, porque ningunha outra industria acepta ese leite rexeitado por Río.

Contra as importacións
Outro dos problemas que está a afectar gravemente ao sector é o das importacións masivas procedentes de Francia e Portugal. Os gandeiros consideran "inadmisíbel" que as empresas falen de rebaixas no prezo mentres que as compras no estranxeiro medraron até un 25% no que vai de ano. "Os empresarios aseguran que teñen que baixarnos o prezo porque teñen moito produto almacenado, pero o certo é que ese leite é francés ou portugués". Dende os sindicatos interpretan este tipo de accións nunha nova estratexia para pagar menos de cara á sinatura dos contratos homologados.

Que actúe Medio Rural
Unha vez máis as protestas dirixíronse tamén cara a Administración. Piden á Consellaría de Medio Rural que exerza algún tipo de mediación, dunha banda para evitar o peche das cooperativas, e doutra para que rematen as exportacións masivas de leite de fóra. Representantes dos tres sindicatos entrevistáronse co director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca, quen dixo que este é un problema "puntual". Dende a consellaría piden "diálogo de cara a achegar posturas e acadar unha solución", ao tempo que lembran que "a Administración non pode impoñer as condicións de transacción económica entre as diferentes partes". Con todo, Medio Rural asegura que "está a levar a cabo unha labor de mediación" e avoga pola futura sinatura dos contratos homologados para darlle estabilidade ao sector lácteo.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os manifestantes voltaron deitar leite (XXAA)
Os manifestantes voltaron deitar leite (XXAA)
Acusan á Industria de chantaxear aos gandeiros (XXAA)
Acusan á Industria de chantaxear aos gandeiros (XXAA)
Tamén exixen a mediación de Medio Rural (UUAA)
Tamén exixen a mediación de Medio Rural (UUAA)
Temen que outras empresas se sumen á iniciativa de Lence
Temen que outras empresas se sumen á iniciativa de Lence