Ademais, coproducirá dous espectáculos: 'Concerto Desconcerto' (coa compañía Entremáns) e 'Ovay' (con Quique Peón).
A terceira produción do CCG, despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, é Giseliña, unha libre adaptación de Giselle que dirixe o catalán afincado en Suíza Cisco Aznar. O propio coreógrafo seleccionou, a través dunha audición pública internacional, o seu equipo de traballo, do que forman parte cinco bailaríns galegos. Giseliña, que se estreará o 7 de marzo de 2009 no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conta coa colaboración do Centro Párraga de Murcia, de La Laboral de Xixón e do Concello da Coruña.
O espectáculo levará a cabo unha xira de cinco meses por distintos espazos dentro e fóra de Galiza. De xeito paralelo a esta xira organizaranse distintas actividades formativas para achegar a linguaxe de Cisco Aznar á cidadanía.
Concerto Desconcerto e Ovay
Nesta nova tempada o CCG pon en marcha ademais dúas coproducións: Concerto Desconcerto, coa compañía Entremáns; e Ovay, con Quique Peón. Estes proxectos reciben xunto cun apoio económico un acompañamento durante o proceso creativo. Este asesoramento, que se realiza tanto na fase de preprodución como na de produción e distribución, levarao a cabo a produtora e xestora cultural Marta Oliveres.
Oito novas residencias
A liña de apoio á creación complétase co programa de Artistas en Residencia, co que o Centro Coreográfico Galego apoia a creación da danza a través da investigación, apostando por proxectos arriscados que buscan novas linguaxes artísticas. Este sistema ofrécelles aos creadores recursos para investigar e experimentar, traballando en rede coas cidades de Santiago, Coruña e Ferrol, ás que nesta temporada se suma a cidade de Vigo. Deste xeito os proxectos reciben, ademais dun apoio económico, un espazo de traballo durante catro semanas e a posibilidade de estar unha semana en residencia técnica.