Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Plan acuícola

Cabo Corrubedo Espazo Protexido XA

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo presenta hoxe, luns 22 de setembro de 2008, máis de 300 sinaturas recolleitas somentes nesa miúda pero orgullosa parroquia mareira, para apoiar a moción presentada polo BNG de Ribeira para declarar o cabo Corrubedo Espazo Natural de Interese Local.

Plataforma medioambiental de Corrubedo - 10:29 22/09/2008

 Ás sinaturas acompaña un informe ­vai anexo­ feito por un biólogo independente que confirma que os valores naturais da Laxe Brava son dignos de conservación e deberían ser incluídos na rede Natura 200 lindante.

A dita moción será debatida no Pleno Municipal, e a Plataforma espera o apoio unánime de todos os grupos, pois estes xa declararon hai meses nun pleno extraordinario a súa oposición á instalación dunha macrofábrica de peixes no espazo virxe da Laxe Brava (O Corgo, Teira, Corrubedo).

A moción, presentada por Xosé Luís Groveiro, solicita: ³O Goberno Municipal solicitará da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a franxa Costeira do Faro de Corrubedo a Punta Espiñeirido incluíndo o promontorio de Laxe Brava e o seu contorno. Este acordo conleva o compromiso do Concello para o cumprimento das condicións incluídas no decreto 124/2005 de 6 de Maio, nomeadamente o de elaborar o Plan de Conservación e de Uso Público deste espazo². De saír adiante esta, a redacción dun plan de conservación para a zona paralizaría o plan sectorial de acuicultura, segundo a Lei de Conservación galega.

A Plataforma insta aos grupos políticos con representación no Concello de Ribeira a facer fronte común fronte a esta aldraxe e a non dividirse perante calquera mecanismo que poida protexer dalgún xeito o único litoral aínda virxe do Concello.

Por outra banda, a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, apoia a presentación por parte do goberno municipal, co consenso de todos os grupos, dun contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia pola inclusión do proxecto de macrofábrica de peixes na Laxe Brava.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: