Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Destacan que siga as recomendacións da UE

Beizón do CES ao canon hidroeléctrico malia o voto particular en contra dos representantes da CEG

A Confederación de Empresarios de Galicia rexeita o imposto argumentando que freará a competitividade das empresas instaladas en Galiza.

Redacción - 09:00 01/10/2008

O Consello Económico e Social (CES) avaliou positivamente o anteproxecto de lei do chamado canon hidroeléctrico e valorou especialmente que se recollan as recomendacións da Unión Europea en materia de medio ambiente a través do sometemento a tributación dos efectos ambientais consecuentes á realización de actividades que empregan augas embalsadas.

O CES destaca de forma especial o estudio económico-financeiro que acompaña á memoria e ao anteproxecto de lei do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada, que agora deberá ser aprobado polo Consello da Xunta. No seu ditame, o organismo entende acertada a remisión dunha memoria con ampla información sobre os aspectos a considerar en relación co anteproxecto, que estabelece un tributo para compensar os efectos negativos polas actividades que lle afectan ao patrimonio fluvial e pretende reparar o dano que causan as devanditas accións.

Queixas da CEG
O ditame positivo do Consello Económico e Social non contou co apoio de todos os seus membros , xa que a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) presentou un voto particular no que se mostra moi crítica con este novo tributo, asegurando que lle ocasionará un problema de competitividade ás empresas instaladas en Galiza, polo que reclaman unha "reflexión máis profunda e crítica", especialmente no escenario económico actual.

"Non é razoábel estabelecer un tributo novo sobre unha actividade que debe ser fomentada debido ás necesidades do conxunto do sistema eléctrico", engaden. De paso, aseguran que os encoros son beneficiosos para o medio porque regulan as augas e contribúen á redución de gases de efecto invernadoiro na produción de electricidade. Ademais, considera o tributo "confiscatorio" ao comparalo con outras medidas impositivas "postas en marcha por outras autonomías".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: