López-Chaves (PPdeG) e Lobeira (BNG) cruzan reproches pola denominación do Parlamento cunha ou outra forma do topónimo.
López-Chaves e Lobeira
A comisión parlamentaria de Educación e Cultura escribiu este luns o enésimo capítulo da historia interminábel do compendio antropolóxico sobre o noso país que leva por título Galiza ou Galicia?.
Desta volta, foron o parlamentario do PPdeG, Ignacio López-Chaves, e o do BNG, Bieito Lobeira, secretario e presidente respectivamente da citada comisión, quen se enlearon nunha liorta propia do conto de nunca acabar: Non se di Galiza que se di Galicia, eu digo Galicia non me diga Galiza.
Ao inicio da sesión, Lobeira procedeu a comprobar se había quórum do Parlamento "de Galiza". López-Chaves matizoulle as palabras ao nacionalista, sinalando que só se podía comprobar se existía quórum da Comisión de Educación e Cultura e non de todo o Parlamento; do Parlamento "de Galicia", claro.
O presidente da mesma, ou sexa, Bieito Lobeira explicou que el utiliza "Parlamento de Galiza" por considerar que "é o nome do país", e pediulle ao secretario da comisión que "non llo pretenda prohibir".
Revolveuse López-Chaves, preguntoulle se o ía "expulsar por cumprir a súa función", e teimou: "o nome é Parlamento de Galicia". "Non teño ningún problema" en que cada quen fale como queira, e que cada quen use ben Galicia ben Galiza, porén, apuntou Lobeira, "eu uso é Galiza".
O popular non cedeu. Ao contrario, insistiu en que el "pide que se cumpra a lei" e que por iso procedía a comprobar a asistencia "á Comisión 4ª do Parlamento de Galicia". E comprobouse. Todos os membros da comisión estaban presentes, polo que Lobeira, na súa condición de presidente, deu por constituída a comisión "do Parlamento de Galiza" e iniciou a orde do día.