Confirmouno Urkullu, presidente do PNV, forza que celebra este domingo o Día do Partido. Anxo Quintana invitado aos actos reivindicou a plurinacionalidade do Estado Español.
O presidente do goberno de Euskadi, o lehendakari Juan José Ibarretxe, será proposto de novo como candidato do PNV (por cuarta vez, dende 1998) ás eleccións parlamentarias vascas, previstas para o mes de de marzo, segundo anunciou este domingo o presidente do partido, Iñigo Urkullu.
Urkullu e Ibarretxe interviñeron ante varias ducias de miles de persoas (100 mil, segundo a canle pública vasca, EiTB) no Alderdi Eguna (Día do Partido), que o PNV celebra nas campas de Foronda, nos arredores de Gasteiz, baixo o lema Baietz! (Que si!).
O PNV chegaba a esta cita sen decidir quen sería o seu candidato a lehendakari. Ibarretxe non dera pistas até o de agora sobre se aspirará á reelección, mais esta posibilidade dábase case por seguro.
Por outra banda, a xornada estivo marcada pola recollida de adhesións ao manifesto en defensa da consulta popular, prohibida polo Tribunal Constitucional, para presentar en Europa. Neste senso, o secretario xeral do PSE, Patxi López, asegurou que os propios partidos do goberno (PNV, EA e EB) e Aralar "non dan nin un peso" por esta iniciativa porque "saben que non teñen nada que facer".
Anxo Quintana: "Orzamentos pouco ambiciosos"
Entre os invitados aos actos do Alderdi Eguna, había representantes de 16 partidos de ámbito estatal, europeo e internacional, entre estes, o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
En declaracións aos medios, Quintana sinalou que a súa presenza "é unha oportunidade máis para mostrar a nosa solidariedade con Euskadi e coas xustas reivindicacións do seu pobo, así como o noso sinal inequívoco de amizade co PNV".
"A relación fraternal que temos as forzas de Galeuscat é boa para Galiza, para Cataluña e para Euskadi, pero tamén para o conxunto do Estado Español. O único xeito de chegar a un acordo de convivencia razoábel é que o Estado Español se recoñeza como o que é, un estado plurinacional", engadiu.
Ademais, o portavoz nacional do BNG, ao respecto dos orzamentos aprobados polo Consello de Ministros este venres dixo que son "pouco ambiciosos" e comprometeuse a empregar a "capacidade de diálogo" da súa formación política "para melloralos; para o conxunto do Estado e para Galiza".