O BNG denuncia que o PP segue a impedir que se poida falar no noso idioma nesta institución, cando si se pode empregar noutras administracións da U.E.
No Consello de Ministros da Unión Europea, na Comisión Europea, no Comité das Rexións ou nas denuncias dirixidas ao Valdedor do Pobo. En todas estas institucións se pode empregar a nosa lingua previa comunicación. Non obstante, escoitar o galego no Parlamento da UE é aínda unha arela, unha reivindicación que o BNG defende dende que entrou na Eurocámara en 1999.
Este martes celébrase o Día Europeo das Linguas, unha data que os nacionalistas aproveitan para exixir que as linguas galega, vasca e catalá poidan ser empregadas polos eurodeputados de Galiza, Euskadi e Cataluña. Denuncian que o PP español está a impedir esta posibilidade a través da súa representación na Mesa do Parlamento Europeo. Segundo explica a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, esta decisión vulnera o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa. Na súa opinión, a estratexia de multilingüismo é interesante para ir cara unha Europa plurilingüe, polo que é necesario avanzar na situación das linguas non oficiais na UE.