As proxeccións comezarán o xoves no cinema Vendôme da capital belga.
Asociación Cultural Arela, organizadora cada no do festival, en colaboración coa asociación Couto Mixto, formada por galegos residentes en Bruxelas, organizan esta extensión de Cans no corazón de Europa. As proxeccións terán lugar o xoves ás sete da tarde no cine Vêndome. As curtametraxes que se poderán ver dan unha boa idea da calidade e diversidade do panorama cinematográfico galego actual: o máis innovador do cine fantástico, a comedia, o musical, o drama e o cine de animación compartirá programa xunto coas curtametraxes galegas máis inclasificables e descaradas.
Viaxarán os filmes premiados en 2008, aínda que non os chimpíns, os alpendres e os canastros que caracterizan o festival. En Bruxelas poderán verse Agroglamour, un documental sobre o festival, Sálvame (Javier Veiga, premios do público e do xurado de ficción), 1977 (Peque Varela, premio do xurado de animación), A revolta dos mouses (David Gen, premio do público de animación). Tamén se proxectarán os dous videoclips premiados: Calamar (The Homens) e España a las ocho (Elodio y los seres queridos) e a fotomontaxe animada Máis Cans que nunca, movie machine.