Leva dez anos facendo música electrónica, unha sorte de "proxectos de escoita insufríbel". Agora sacou á rúa o seu primeiro traballo longo, Metembistte.
D.R.I.M.I.N., o primeiro EP de Hanom Ausse
Século XXI, novas tecnoloxías, deshumanización e música electrónica. Como non podería ser doutro xeito, a primeira entrevista de Hanom Ausse foi virtual. Este rapaz de Catoira, que non vén sendo un tal Hanom, de apelido Ausse, leva dez anos sacándolle acordes ao seu PC da man da intuición que lle outorga ser o seu primeiro oínte. HA traballa en progresión, e cada corte de Metembistte pode identificarse cun momento vital do seu protagonista. Este novo álbum "de dormitorio", que vén de sacar á rúa, non aspira a encaixar en estilo ningún, senón máis ben a se deixar levar polos acordes que saen da composición.
Vieiros: Como e cando nace o concepto Hanom Ausse en Catoira?
Hanom Ausse: Todo sae das posibilidades que ofrece un PC para a manipulación de sons. Levo armando proxectos de escoita insufríbel dende finais dos 90, sendo Hanom Ausse a última encarnación.
En que se basea a túa musica? Que influencias ten?
O recorta-e-pega e as miñas limitadas dotes como intérprete son a base de todo o que fago; se tivese unha orquestra de 50 músicos á miña disposición, usaría esa orquestra, probablemente da peor maneira. Todo é unha influencia, dende o jingle dun anuncio ao motor dunha motoserra, pasando polas miles de cancións que todos asimilamos con maior ou menor entusiasmo.
A que soa Hanom Ausse? A que pode parecerse?
Rock instrumental? Supoño que soa a calquera banda precedente que non decorrese polas sendas peneiradas do pop e as partituras de verso retrouso-verso retrouso-solo, ponte-retrouso-fade out. Dito isto, engado que adoro o pop.
Quen pode gostar de Hanom Ausse e o seu novo traballo?
Calquera ser humano con orellas e tímpanos aptos para a escoita.
Dis que non é un disco conceptual, pero que pode parecelo. Cal é o concepto de Metembistte?
Non foi nada preconcibido, pero decateime de que hai un fío espiritual nos títulos das cancións, así que é fácil seguirlle o xogo e imaxinar o percorrido dun protagonista, dende que se ergue cedo pola mañá até que se deita á noite.
Falas de "xuntar pezas como a repetición, o erro, o aburrimento e a desafinación, como soñando esperto" (one of those sleepy daydreams, un daqueles somnolentos soña esperto), con que intención?
Non hai intención predefinida, trátase de se deixar levar polas notas, acordes ou sons que van saíndo na composición -ou descomposición, segundo o mires. Non me impoño regras, eu debo ser o meu primeiro oínte.
De onde vén o nome Hanom Ausse e máis Metembistte?
Hanom Ausse é un xogo de palabras parvo, non ten significado. Decateime tarde de que moita xente interpreta erroneamente o nome coma un nome propio, o dun tal Hanom, de apelido Ausse. Metembistte é un xogo de palabras a raíz do prefixo metem, tampouco ten significado, alén do que cada un lle queira dar.
Falan de post-rock e shoegaze, sénteste identificado? Hanom Ausse pode encaixar nalgún estilo en concreto?
Definitivamente non quero encaixar en estilo ningún. Entendo que un músico queira abrazar un estilo -blues, reggae, jazz, etc- e non saír del como forma de penetrar nun coñecemento de décadas ou séculos, mais eu prefiro non ter que adaptarme a ningún patrón. É un traballo en progresión, onde manda máis a intuición e as ferramentas dispoñíbeis que o plano da obra.
Quen é o Hippie das veigas?
Todos somos hippies no noso corazón.
Como deches en versionar un tema no Manifesto Dobarrista (A uns ollos verdes)?
Invitáronme a participar e aceptei facendo unha remestura. A idea era poñer a Andrés do Barro á fronte dun grupo de indie-pop. Quedou a medio camiño, merecía un mellor acabado, pero daquela non podía imaxinar que o proxecto ía ter a envergadura que tivo.
Noise Project tamén versionara a Rapaciña, de do Barro. Que relación hai entre HA e os Noise Project?
Á parte de coincidir en gustos e estratexia musical, somos case veciños, e un dos membros de Noise Project é 'coma da familia'. Recomendo seguirlle a pista tanto a Noise Project como a Drenching Haze; nos próximos meses algo grande vai chegar.
Como Hanom Ausse xa tiñas editado dous dous epés de 7" en 2006, D.R.I.M.I.N. e Grubi Mércores. Din que o novo álbum é máis indie que trip hop: Metembistte é unha continuación do traballo anterior ou máis ben unha ruptura?
É outro paso adiante, a diferencia está en que agora a guitarra ten maior protagonismo.
A túa música está pensada para actuación ao vivo? Tes prevista algunha actuación proximamente?
Non, isto é un proxecto de estudio, ou para ser máis exactos de dormitorio.
Hai algunha colaboración no teu último traballo ou nos anteriores?
Hai 'sampleados' que agardo ninguén descubra, máis ou menos disimulados nos dous epés. En Metembistte apenas hai, e coido que deixei atrás a época de destripar outras gravacións.
Quen produce e edita a túa música, onde se poden escoitar os teus traballos?
Sigo a filosofía 'faino ti mesmo', o que se traduce en que eu toco, gravo, misturo e edito a gravación. Os dous epés foron publicados amabelmente na Regueifa Plataforma, así como Metembistte baixo licencia Creative Commons; tamén fixen unha edición especial e ultralimitada a 20 copias no meu 'selo' Baixoterra que se pode pedir dende o inefábel MySpace.
Quen é en realidade Hanom Ausse?
A realidade sempre é decepcionante en contraposición á arte, que permite crear dende a nada.