O Festival de Cine de Valladolid, que comeza o 17 de outubro proxectará nas súas seccións, ademais, catro filmes producidos en Galiza.
Será a primeira vez que unha comunidade autónoma protagonice unha xornada especial no marco da Seminci de Valladolid. O festival, convertido nunha referencia do cinema independente, dedicará o 18 de outubro á cinematografía galega recente. Ademais, catro filmes producidos en Galiza exhibiranse na sección Punto de Encuentro do festival. Trátase de Os mortos van á presa (do director Ángel de la Cruz, e coproducida por Artemática e Semprecinema), O vestido (Paula de Luque), A noite que deixou de chover (dirixido por Rubén Zarauza e producido por Perro Verde Films) e o filme de animación O lince perdido, producida por Antonio Banderas, Kandor Moon e a galega Perro Verde Films.
Ademais, anunciouse que a estrea mundial de Os mortos van a presa, que se rodou en Ribadeo, terá lugar nesta vila o vindeiro 17 de xaneiro, unha semana antes de que chegue ás salas comerciais.